O tribunal confirma unha sentenza do Xulgado da Estrada e subliña que Dionisio Pereira está amaparado polo dereito á investigación histórica. Vídeo no interior.
Máis de dous anos de loita xudicial. Este é o particular calvario que vén de pasar o historiador Dionisio Pereira. Finalmente, a peregrinaxe polos tribunais acaba ben. A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de desestimar un recurso presentado pola familia dun ex alcalde falanxista de Cerdedo que consideraba que un traballo de investigación atentaba contra a súa honra. O tribunal pontevedrés dálle a razón ao Xulgado da Estrada, que xa absolvera en primeira instancia a Dionisio Pereira.
A sentenza marca un fito na recuperación da memoria histórica. Así, a Audiencia de Pontevedra considera que prevalece o dereito á investigación fronte o dereito á honra e subliña que o escrito denunciado forma parte dun estudo científico no que non existe ningunha pretensión de atentar contra ninguén. Os xuíces obrigan á familia denunciante, que só pode apelar ao Tribunal Constitucional, a pagar todas as costas do proceso.
O motivo da denuncia tiña que ver cun parágrafo da obra A Segunda República e a represión franquista no concello de Cerdedo. Na mesma vincúlase a Manuel Gutiérrez Torres, xefe falanxista local e alcalde do municipio na década dos 40 e 50, como un dos responsábeis da violenta represión desatada na localidade logo do golpe militar. A familia do rexedor demandaba, nun primeiro momento, a rectificación do estudo e unha indemnización.
O autor reivindica o dereito a coñecer a verdade
Poucas horas despois de coñecer a resolución xudicial fíxolle chegar a Vieiros un escrito no que di: “eu acredito na dor e no desasosego que padecen os achegados aos presuntos represores, cando a persistente brétema do esquecemento comeza a se levantar tras o traballo das persoas comprometidas coa recuperación da “memoria dos vencidos”, dando a coñecer os brutais episodios nos que hipotéticamente puido estar implicado o seu devanceiro. Unha dor de seguro incomparable á padecida polas familias das vítimas do franquismo, pero un sentimento que, ao cabo, debe ser respectado sempre e cando non impida o coñecemento e a valoración do acontecido. Mais se aqueles teiman en contrapoñer mesmo pola vía xudicial unha pretendida memoria familiar inmaculada, fronte á dos represaliados e represaliadas de xeito ruín e irreparable, estanse a situar nun egoista plano de inxustiza e de escurantismo, rexeitando así o seu concurso á rexeneración democrática que o Estado español precisa con urxencia.”