Fernández Ordóñez asegurou que haberá que empregar máis recursos públicos que en ocasións anteriores para reestruturar o sistema financeiro.
Logo da intervención de Caja Castilla-La Mancha (CCM), activáronse todas as alertas. Agora, o gobernador do Banco de España, Ángel Fernández Ordóñez, asegurou que este caso pon de manifesto que "deberiamos prepararnos para empregar máis recursos públicos que en anteriores ocasións" e fala da necesidade inminente da "reestruturación do sistema financeiro, dada a magnitude da crise financeira internacional".
Foi nun discurso no Foro Cinco Días, organizado por este xornal económico. Alí asegurou que se ben hai entidades que poderán transitar pola crise sen axudas, tamén é certo que se a conxuntura actual se prolonga "seguramente será necesario reestruturar algunhas entidades de menor tamaño". Neste sentido, falou das debilidades do entorno financeiro español, derivado do incremento da morosidade do sector inmobiliario e do desemprego.
Doutra banda, Ordóñez asegurou que "o único xeito de transmitir confianza é mediante o recoñecemento da crise e dos desafíos que formula", así como a decisión de "implementar medidas necesarias para saír dela".