Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Prestige

López-Sors queda exculpado da catástrofe grazas a un perito co que traballou

O único ex alto cargo imputado quedou absolto por unha peritaxe realizada por un enxeñeiro naval que, no ano 2002, colaborou na xestión do accidente.

Redacción - 08:30 26/03/2009
Chapapote, na praia / Flickr: surfercosmovision

Chapapote, na praia / Flickr: surfercosmovision

Após o 13 de novembro de 2002, mentres o Prestige afundía e estaba a piques de provocar a meirande catástrofe ecolóxica que se teña producido nas costas galegas, o profesor de Enxeñaría Naval da Universidade da Coruña, Santiago Martín Criado, colaboraba co Ministerio de Fomento na xestión do accidente.

Porén, o goberno de Aznar e o seu Ministerio de Fomento, quedaron exculpados desta catástrofe grazas a unha peritaxe do mesmo home, o profesor Martín Criado. Ao parecer, foi el quen lle ocultou á xuíza que instruía o caso os seus labores de asesoramento ao ministerio, cando esta información o tería incapacitado para realizar o informe que exculpou, finalmente, a Fomento. De feito, o seu ditame tivo un peso especial no auto da xuíz, de tal xeito que evitou que o director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, o único ex alto cargo que aparecía imputado no proceso, se teña que sentar no banco dos acusados cando se desenvolva o xuízo, de aquí a uns meses.

"Todas as medidas que adoptaron as autoridades marítimas españolas son correctas"
Segundo sinala o xornal madrileño El País, a relación de Martín Criado co Prestige data do mesmo día no que o buque afundiu, a 250 quilómetros da costa galega. Na mañá do 19 de novembro Martín Criado, que naquela altura era director de proxectos de Izar-Fene, estaba reunido con López-Sors para valorar a actuación do goberno de Aznar até daquela, e recomendar novas medidas para enfrontarse á situación. O perito asinou, xunto con todas as persoas presentes, a acta da xuntanza, na que afirmaban que "todas as medidas que adoptaron as autoridades marítimas españolas, referentes ao que na acta se indica, son as correctas e máis axeitadas ás situacións que se foron producindo dende o primeiro momento do sinistro".

Martín Criado afirmaba, entón, que o goberno de Aznar non errara na súa decisión de afastar o petroleiro da costa, e pasealo durante seis días cunha considerábel fenda no casco pola que cuspía o fuel. Porén, agora, como perito do xuízo, Martín Criado volve afirmar o mesmo, e a xuíza que instruíu a causa, Carmen Veiras -titular do xulgado número un de Corcubión-, recolle a súa opinión como válida, porque o enxeñeiro naval foi "contundente ao entender que foi correcta (a medida), porque a condución a porto era moi arriscada polo risco de que partise no traxecto".

Porén, as súas afirmacións sobre a idoneidade de afastar o barco contrastan coas doutros expertos, e o seu informe difire do do outro perito xudicial encargado do caso. Algunhas destas persoas relacionadas co caso están a estudar se é factíbel presentar un recurso para que se lle encargue a outra persoa, que non estivese relacionada coa xestión do Prestige nin cos acusados. A Plataforma Nunca Máis, polo seu lado, vai pedir a nulidade desta proba, que cualifican de crucial, pola imparcialidade do técnico que a elaborou.


Ligazóns

3,25/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: