Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Avanza outro chanzo a causa xudicial

Mantense a imputación ao capitán do Prestige e frea "provisionalmente" a do ex director da Mariña Mercante

A acusación por delitos contra os recursos naturais e desobediencia mantense tamén para o xefe de máquinas do buque e o primeiro oficial.

Redacción / Europa Press - 17:00 20/03/2009

A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Corcubión concluíu o procedemento abreviado do caso 'Prestige', a instrución do cal comezou en novembro de 2002, polo que se inicia agora a fase procesual onde as partes comparecidas presentan os seus escritos de cualificación para celebrar o xuízo oral. No auto ditado a xuíza mantén a imputación do capitán do barco, Apostolos Mangouras; do xefe de máquinas, Argyropoulos Nikolaos; e do primeiro oficial, Ireneo Maloto; por delitos contra os recursos naturais e o medio e desobediencia.

Non obstante, retira de forma provisional a imputación do daquela director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors González, nesta causa. "Á vista das dilixencias de instrución practicadas, pode dicirse que os indicios criminais respecto á decisión adoptada polo señor López Sors de afastamento do buque foron desvirtuados", sinala o auto.

"Se ben é certo que na conversación que mantén o día 13 con Pedro Sánchez, xefe do Centro Nacional de Coordinación de Salvamento, podería deducirse que se pretende un afastamento do barco co fin de que se afunda, e que o inspector marítimo declarou que a el só se lle encomendou arrancar a máquina do barco pero non analizar os seus danos, tamén é certo que a súa presenza no barco permitiu coñecer máis datos sobre a situación do mesmo que, conxuntamente con outros dos que xa se dispoñía, e con diversas consultas realizadas a mañá de 14 permitiron tomar unha decisión axeitada ao problema formulado", explica o documento xudicial.

Interpreta que confrarías e concellos "non se queixaron"
Así, a xuíza sinala que "consta claramente" que "López-Sors solicitou información sobre a situación do buque e as opcións posíbeis dende o primeiro momento" e, á vista desta, "tomou a decisión de afastar o buque, posto que as autoridades dun Estado non están obrigadas a autorizar necesariamente o acceso a un porto de refuxio, e así resulta do exame da normativa estatal e internacional", xustifica. "Facelo sen que a empresa salvadora presente un plan axeitado, si sería unha temeridade", engade.

Neste sentido, con respecto á decisión de afastar o buque, adoptada por López-Sors, a xuíza conclúe que "parece deducirse que a información que manexou o goberno español sobre os danos do buque era a correcta". "Séndoo non cabía outra opción que denegar o acceso a porto", di, e precisa que "a tal decisión non se formulou obxección ningunha por parte das confrarías ou corporacións municipais eventualmente afectadas".

Pola súa banda, con respecto á decisión cuestionada sobre a elección do rumbo para afastar o barco da costa, a instrución xudicial destaca que "o rumbo 330º que inicialmente marcou a administración estatal para afastar o barco da costa parece acertado", tendo en conta que se trataba de afastalo da costa, o que impoñía un rumbo Oeste".

"O rumbo que inicialmente acorda a administración española ten relación directa co feito de que só puido tomarse o remolque por proa, ante a imposibilidade de facelo pola popa e, polo tanto, era o único rumbo posíbel para protexer a estrutura danada", destaca. Ao respecto, puntualiza que o acerto ou non no rumbo elixido dende ese momento "non pode imputarse a López-Sors", senón que dende as 2.00 horas da madrugada do día 15 "decidiuno o persoal de Smit Salvage, que unicamente tiña como límite respectar a distancia de afastamento imposta polas autoridades españolas".

Delitos imputados
Ao capitán do 'Prestige' impútaselle un delito contra o medio e os recursos naturais porque "se acreditou que o estado de mantemento do buque non era o máis axeitado", xa que o relativo ao mantemento das máquinas, do remolque de emerxencia e demais instalacións "caen dentro da órbita de responsabilidade da tripulación". Ademais, a xuíza xustifica o delito de desobediencia pola "clara a falta de disposición ao cumprimento da orde (de remolque), con diferentes escusas".

Con respecto ao primeiro oficial, Ireneo Maloto, a xuíza considera que "tamén existen indicios de criminalidade como presunto autor dun delito contra o medio" porque o "deficiente estado de mantemento do buque, a falta de control da corrosión do tanque de lastre número 3, o deficiente funcionamento dos sistemas de remolque de emerxencia contribuíron á produción do sinistro e á agravación do dano".

En canto ao xefe de máquinas, Argiropoulos Nikolaos, di que "existen indicios da súa responsabilidade polo deficiente funcionamento e mantemento do sistema de propulsión do buque e dos dispositivos de quentamento da carga".

Prazo para recurso
Nesta causa hai máis de mil comparecentes, que exercen a acusación particular. Inclúese o Estado francés e oito municipios do país galo, a causa do cal se uniu á española, de maneira que se celebrará un único xuízo e os 109 prexudicados franceses serán representados polo Ministerio Público español nas súas reclamacións.

Contra este auto de transformación a procedemento abreviado que permite a preparación do xuízo poderase presentar recurso de reforma no prazo de tres días e de apelación no prazo de cinco días. A partir deste momento o Ministerio Fiscal e as representacións das acusacións comparecidas terán que presentar os seus escritos de acusación solicitando a apertura de xuízo oral.

Recibidos estes escritos no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Corcubión a xuíza ditará o auto de apertura de xuízo oral, dará traslado aos avogados dos imputados para que presenten o escrito de defensa e remitirá o procedemento ao órgano competente para o axuizamento. A causa convertida agora en procedemento abreviado consta de 289 tomos máis as pezas separadas, o que suma un total de 192.311 páxinas.


Feitos
O auto da xuíza de Corcubión recorda que o 13 de setembro de 2002 o imputado Mangouras foi contratado como capitán do 'Prestige', a tripulación do cal estaba composta, ademais, de polo primeiro oficial Ireneo Maloto, de nacionalidade filipina, e o xefe de máquinas Argiropoulos Nikolaos, grego, e outros 24 mariñeiros.

Na tarde do día 13 de novembro de 2002, portando 77.033 toneladas métricas de fuel óleo, ademais do combustible de propulsión, o petroleiro monocasco 'Prestige' navegaba en condicións de mar groso e visibilidade regular pola zona Atlántica en dirección Sur, con control manual-emerxencia debido ao fallo, cinco meses antes, dunha válvula que foi recibida en Kenterminde pero que non era válida e debeu continuar coa antiga.

Ás 15.10 horas hora local o barco estaba a unhas 28 millas ao oeste de Fisterra, segundo recorda o auto, momento no que se escoitou a bordo un "forte ruído", tras o que sufriu unha "rápida escora a estribor" e despois desprendeuse unha prancha do mesmo costado, alcanzando a escora en dez minutos os 30 graos e entrando toneladas de auga polos tanques laterais número 3 e número 2 estribor. Posteriormente, a máquina parouse e o barco foi á deriva perdendo fuel.

Ás 15.15 horas o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación Marítima de Fisterra recibiu o S.O.S. O día 19 ás 8.00 horas o petroleiro partiuse en dous a 138 millas da costa, ás 11.45 horas a popa empezou a afundirse e despois a proa. O vertido de fuel ao mar foi de máis de 50 mil toneladas que afectaron a case 3.000 quilómetros do litoral costeiro, entre a desembocadura do Río Miño e a Canle da Mancha.


Ligazóns

0/5 (0 votos)