Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Brincamos o equinoccio

Marzo maiea e estoupa a primavera

Quecen os días, cantan os cucos e abrollan as flores. E con todo, non esquezan o dito: "Cando marzo vén quente, trae o demo no dente".

Redacción - 09:30 20/03/2009

Cóntannos desde o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago, que contra o mediodía deste venres 20 entramos na primavera. De forma concreta ás 12h44. Deixamos atrás así oficialmente o inverno e entramos nunha estación que vai durar, apunten, un total de 92,75 días, até que aló na altura do 21 de xuño brinquemos de cheo no verán.

"O inicio da primavera está astronomicamente fixado polo paso do Sol polo chamado punto Vernal ou Equinoccio de Marzo, un dos puntos de corte da órbita terrestre (a Eclíptica) co Ecuador Celeste", sinalan desde o Observatorio. Resumindo: este venres a duración do día e da noite será a mesma e de agora en diante os días medrarán até o solsticio de verán.

Segundo explica Xosé Anxo Docobo, director do Observatorio, para os que lles preste levantar as cabeciñas e escrutar o ceo, nos próximos meses non haberá ningún eclipse, pero si teremos esta primavera unhas "condicións óptimas" para botarlle un ollo aos planetas. "Venus pasará de luceiro vespertino a poder verse antes da saída do Sol; Marte e Xúpiter serán tamén visíbeis ao amencer, mentres que Saturno se poderá observar practicamente todas as noites", relata Docobo. E choverá, advirte, pero choverán estrelas, as máis destacadas "as Líridas" co máximo o 22 de abril, e as Eta-acuáridas, coa cima o 6 de maio. Ademais, a finais de abril Mercurio poderá contemplarse en boas condicións ao Oeste, despois da posta do Sol, "mentres que a mediados de xuño acontecerá o mesmo pero cara ao Este, ao amencer", cóntanos, recordando que este 2009 celébrase no planeta o Ano Internacional da Astronomía.

Por outro lado, recordámoslles que en Meteogalicia poden consultar o prognóstico meteorolóxico a curto prazo, que prevé tempo de verán cando menos até o domingo. Así e todo, lembren que "Cando marzo maiea, maio marcea".


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: