Os parlamentarios portugueses decidiron poñerlle límites ao uso de medios audiovisuais nas sesións, a pesar de presentar un novo sistema de proxeccións.
A Assembleia da República portuguesa acaba de renovar a súa sala de sesións, instalando nela dúas enormes pantallas xigantes, ademais de proxectores e outros medios audiovisuais. Inaugúrase a vindeira quinta feira día 26 de marzo, e Os Verdes xa avisaron de que teñen pensado empregar os novos medios xa na primeira sesión.
Por isto, a conferencia de líderes do Parlamento portugués decidiu prohibir o emprego destes trebellos nas sesións, porque a "Assembleia da República non é un estudio de televisión". De feito, o presidente da Assembleia da República, Jaime Gama, sinalou que por causa dos "problemas deontolóxicos" que poidan xurdir, non se debía comezar de cheo a empregar os novos aparellos, senón "con pequenos pasos". Así, de acordo coa secretaria da Mesa, Celeste Correia, quedou fixado que os deputados só poden proxectar gráficos, mapas e fotocopias de xornais ou do Diário da Assembleia, e nada de son, fotografías ou filmes. Tamén quedarán prohibidas as "campañas negativas", aínda que non se definiu realmente o que son estas.
O medo que teñen os parlamentarios é que se abrise, co novo sistema audiovisual, unha caixa de Pandora. Porén, aínda non se explicou por que se presentou como unha das marabillas da nova sala de sesións, e agora ninguén pode facer uso del. Arestora os parlamentarios portugueses andan debullando unha serie de regras de utilización do sistema de proxección para adaptar a elas o seu regulamento interno.