Velaí a frase gañadora do certame "Propón un lema". Resolveuse ademais o sorteo do concurso de prognósticos electorais "A túa aposta".
Houbo momentos en que se achegou máis ao que á fin foi o resultado real dos comicios. Así e todo, logo dos quince días de campaña electoral e milleiros de votacións, a particular porra electoral á que convidamos a participar a todos os lectores de Vieiros rematou cun afastado prognóstico medio de 34 para PP, 27 para PSOE e 14 para BNG. Feito o sorteo entre todos os participantes, o computador ultraportátil vai para Brais, de Ourense.
Tamén ao sur, neste caso a Vigo, viaxará o agasallo, un bloc dixital, que estaba en xogo no concurso de lemas electorais. Desta volta, a usuaria premiada propuxera o lema "Por unha Galiza Quinindiola!". Actuaron como xurado Eduardo Rego, profesor de Socioloxía Política na Universidade da Coruña, e Paulo Casal, experto en comunicación política. Con voz pero sen voto, Vieiros propúxolles peneiraren as propostas dos internautas con moito licor café e á procura de humor e orixinalidade entroideira. Despois dun complicado proceso de elección, dada a orixinalidade sen cancelas do máis de medio cento de propostas chegadas, o xuri coincidiu en outorgar o premio ao lema "Por unha Galiza quinindiola!". Así e todo, e malia que o premio era único, quixeron destacar algúns outros finalistas, entre eles "Témolo mallado", "Podemos mellorar" e "Imos co vento, para onde nos leve".