Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lei de Dependencia

O Valedor insta á Xunta entregar as axudas aos dependentes, tamén no caso de que estes falezan

Ante as queixas recibidas, pídelle a Vicepresidencia que axilice as axudas, para atender as persoas que foron recoñecidas, mais non atendidas.

Redacción - 18:00 13/03/2009

O Valedor do Pobo, Benigno López González, remitiulle esta sexta feira unha resolución á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, na que lle lembra a este departamento do Goberno os seus deberes, recomendándolle que cumpra os prazos legais para a concesión de axudas derivadas da Lei de Dependencia.

O Valedor tamén lle require a Vicepresidencia que asigne as subvencións que contempla esta lei con carácter retroactivo, é dicir, cando a persoa dependente faleza durante a tramitación da mesma, se xa venceron os prazos. Este segundo pedimento está motivado polo importante número de queixas que recibiu esta institución, enviadas por familiares de dependentes que faleceron no curso da tramitación, sen recibir o Programa Individual de Atención (PIA), e máis dun ano despois de ter recoñecida a situación de dependencia.

Os tempos manexados na concesión destas axudas son "moi xenerosos"
"Os familiares reclaman porque consideran algo contrario á xustiza elemental que non se compensen os coidados realizados, sobre todo despois de constatar a demora da administración", argumenta Benigno López, quen lembra no seu escrito que os afectados "reclaman que se compense aos coidadores, posto que se non concorrera demora por parte da administración, a prestación faríase efectiva con carácter retroactivo". Nesta liña, o Valedor sinala que os tempos que manexa a administración para conceder estas axudas -seis meses dende a entrada da solicitude no rexistro para o recoñecemento da situación de dependencia e outros seis meses para a aprobación do programa individual de atención (PIA)- son "moi xenerosos" en comparación cos estabelecidos noutras Comunidades do Estado Español, coma Andalucía, "onde unha das fases non pode exceder dos tres meses".

Unha vez enviada a resolución, Vicepresidencia conta cun prazo dun mes, segundo establece a Lei do Valedor do Pobo, para dar conta da aceptación da recomendación formulada, e das medidas a adoptar para darlle efectividade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: