Causada polo aumento do dióxido de carbono na atmosfera, aumentou un 30% no último século, e ameaza a especies como a estrela de mar.
O nivel de acidez oceánica mundial é agora o maior que se rexistrou nos últimos 500 mil anos. Dende que se iniciase a Revolución Industrial en Europa (a finais do século XVIII) a súa taxa medrou case unha terceira parte, como consecuencia dos altos rexistros de contaminación. Neste contexto, os expertos que estes días participan en Copenhague nunha Conferencia sobre o Clima, alertan das terríbeis consecuencias que estas altas taxas de acidez teñen sobre as especies mariñas.
Segundo os cálculos, a metade do CO2 liberado pola queima de combustíbeis fósiles durante os pasados 200 anos foi absorbido xa polos océanos do mundo. Isto ocasionou unha redución no pH da auga (equilibrio entre acidez e alcalinidade) do 0,1%. Ademais, o Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático prognostica que aínda diminuirá máis: entre 0,14 e 0,35 unidades durante o presente século.
Consecuencias para o entorno
Esta situación está a provocar serios perigos sobre a vida subacuática, que xa está a notar o seu impacto. Nunha investigación levada a cabo no Océano Antártico, os científicos descubriron que as cunchas dunhas pequenas especies chamadas foraminíforos (semellantes ás amebas) adelgazaron considerabelmente no último século. Así demostraron que o nivel de acidez ten un efecto directo sobre a capacidade dos microorganismos de producir cunchas.
Doutra banda, confirmaron que o perigo afecta especialmente aos crustáceos e a criaturas como a estrela de mar, que mesmo poderían desaparecer para finais do século XXI se se mantén a actual tendencia de emisións contaminantes.