Despois do primeiro contacto o PP está aberto a apoiar a investidura de Patxi López, pero piden "compromisos claros" feitos "por escrito e firmados".
Dirixentes de PSOE e PP á saída da xuntanza / Foto: EP
Este xoves PP e PSOE mantiveron na sede dos "socialistas" en Bilbo o primeiro contacto para falar sobre o futuro goberno vasco, enmarcado na rolda de conversas que está impulsando o partido de Patxi López. Despois da xuntanza falou o secretario xeral do PP vasco, Iñaki Oyarzábal, e dixo que apreciou "bases suficientes" e "terreo para conseguir un acordo estable e forte" co PSOE mais reclamou "compromisos claros" materializados "por escrito e firmados".
Así, o dirixente do PP vasco explicou que están dispostos a apoiar a investidura de Patxi López pero non a calquera prezo porque din estar comprometidos cun "cambio de política", motivo polo que non abondaría para o PP con "cambiar de nome de lehendakari".
Oyarzábal destacou que "son moitas as cousas que nos unen" co PSOE e dixo que a vontade do seu partido é "poñer o acento nelas" coa idea de chegar a un acordo. Explicou que durante a xuntanza deste xoves tamén falaron de posíbeis formas de goberno "sen pechar ningunha posibilidade" e dixo que as reunións continuarán durante a próxima semana.
PSOE non se pronuncia sobre a xuntanza
O PSOE, pola súa parte, limitouse a emitir un comunicado na páxina web onde anuncian que "PSE e PP acordan seguir traballando para materializar o goberno do cambio surxido tras as eleccións". O partido de Patxi López terá o venres o último contacto da súa rolda, con UPyD, e despois comparecerán ante os medios para partillar as conclusións deixadas polas reunións cos diferentes partidos.