Urkullu deixou aberta a posibilidade de retirar o apoio ao PSOE en Madrid, mentres que Patxi López advertiu de que "o PNV ten que saber estar na oposición".
Patxi López durante a súa comparecencia, este martes en Bilbo
Íñigo Urkullu, presidente do Euskadi Buru Batzar (organo executivo do PNV), ofreceu este martes unha entrevista na que analizaba o panorama que deixan as eleccións do pasado domingo. Urkullu volveu repetir que "o gañador destas eleccións é o PNV" ademais de negarse a aceptar que o reparto dos votos da esquerda abertzale favorecese ao seu partido. Mantivo tamén que o PSE está mentindo á sociedade vasca ao difundir un discurso no que se presenta como "garante da pluralidade, do consenso e do acordo entre diferentes". Urkullu advertiu sobre as consecuencias que a investidura de Patxi López como lehendakari podería ter no parlamento español, onde o PSOE precisa o apoio de PNV e BNG para ter a maioría parlamentaria: "Zapatero, o PSOE e o Goberno español teñen que saber valorar a estabilidade institucional necesaria ante a situación que vive a sociedade española" e engadiu que "o PSOE sabe que nós actuamos con absoluta responsabilidade, pero non podemos estar sempre poñendo a outra meixela".
Este martes tamén compareceu ante os medios Patxi López, secretario xeral do PSE, que reiterou a súa intención de acadar os apoios necesarios para ser investido lehendakari. López cualificou como "grave" o discurso co que o PNV leva días advertindo á sociedade vasca sobre os cambios que poderían derivarse da chegada dos socialistas ao goberno. Ademais dixo que o PNV "é agora unha minoría", engadindo que "non son a relixión de Euskadi e teñen que saber estar na oposición". López confesou que recibiron unha chamada dos jeltzales, asumindo que sexan eles os que inicien a rolda de negociacións por ser o partido máis votado, e vaticinou que esta mesma semana comezarán os contactos entre os diferentes partidos.
Unai Ziarreta dimite como presidente de EA
Na tarde do luns confirmouse a renuncia de Unai Ziarreta ao seu cargo de presidente de Eusko Alkartasuna, como consecuencia dos malos resultados acadados nas últimas eleccións. EA decidiu presentarse en solitario despois de concorrer co PNV nas dúas últimas eleccións ao parlamento vasco. Os resultados supoñen unha perda de 70.000 votos respecto ás eleccións de 1998 (últimas nas que concorreran en solitario) que se traduciu nunha perda de 5 puntos sobre o total de votos, baixando do 8.69% ao 3.68%. A coalición abertzale convocou aos seus militantes para un congreso que se celebrará o vindeiro 4 de abril, coa intención de elixir alí unha nova dirección para o partido.