Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
10 de marzo: día da clase obreira galega

Na rúa contra a crise, o paro e a perda das prestacións sociais

A CIG organizaba, normalmente, os seus actos deste día en Vigo e Ferrol, mais "vendo a gravidade da situación", convocou manifestacións en todas as comarcas. CCOO volve a Ferrol.

Redacción - 09:00 10/03/2009
A escultura que lembra a Amador e Daniel en Ferrol

A escultura que lembra a Amador e Daniel en Ferrol

Todos os anos a Central Intersindical Galega (CIG) conmemoraba o Día da Clase Obreira Galega cun acto central en Ferrol, lembrando dous operarios do estaleiro de Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, que foron asasinados en 1972.
Mais este ano, aínda que a lembranza de Amador e Daniel ha esta presente, a crise económica marcará as mobilizacións, que se estenderán por todas as comarcas. Isto é debido a que na actual situación económica e social, as reivindicacións son amplas, mais hanse centrar en dous "temas prioritarios" que "máis preocupan á clase traballadora galega": o paro e a garantía das prestacións sociais.

"Nesta data correspóndenos aos traballadores sentar as novas bases de solidariedade e dereitos no traballo"
De feito, segundo contan dende a Central Sindical, os operarios están preocupados polas "elevadas taxas de destrución de emprego" rexistradas no noso país nos últimos meses, que nun primeiro momento afectaron aos empregos temporais, pero que xa están atinxindo o emprego estábel. Nesta liña, nun seu comunicado, este sindicato fala da "cuestión das prestacións sociais", xa que, se un elevado número de traballadores e traballadoras con contratos temporais pasan a engordar as cifras do paro, as prestacións son menores e por períodos moi breves. Neste contexto, dende a CIG lembran unha súa vella reivindicación: a "creación do salario de inserción social", como recurso de auxilio até que a persoa sen emprego se reincorpore ao mundo laboral.

Mobilizacións por todo o país
A CIG organizou, para esta terza feira, varias concentracións e manifestacións: en Ferrol (ás 20h00 diante do local do sindicato); en Vigo (ás 20h00 en Vía Norte); A Coruña (ao mediodía, e manifestación até a delegación do goberno español); Compostela (concentración ás 11h30 na Praza de Galicia); Pontevedra (ao mediodía no Pazo da Cultura, para saír en manifestación cara a subdelegación do goberno español); Ourense (concentración ás 11h30 na Rúa do Paseo); Lugo (concentración ás 11h30 na Rúa da Raíña); e na Mariña (onde haberá unha asemblea-concentración de delegados de Alcoa e fábricas auxiliares nas instalacións desta empresa).

CCOO volve a Ferrol
Pola súa banda, o sindicato Comisións Obreiras (CCOO) tamén quere conmemorar o Día da Clase Obreira, lembrando que, cando mataron a Amador e Daniel non estabamos en Democracia, e os traballadores non se podían manifestar, mais agora as cousas mudaron, e aínda que se avanzou no eido dos dereitos laborais, segue a ser momento de saír á rúa, "porque temos problemas moi importantes que afrontar, e demandamos solucións para eles". Nesta liña, dende CCOO apelan a que "a presión e a mobilización" volven servir de instrumentos para "impedir que a crise económica golpee en exclusiva os traballadores" e, en especial, "aqueles colectivos máis vulnerábeis".

Aínda que lembrando que a mobilización é precisa, salientan que saír á rúa non quere dicir que non faga falta traballar polo "diálogo social" para que as demandas dos traballadores propicien a saída da crise. Nesta liña, describen as medidas que dende este sindicato demandan como necesarias para saír desta situación.

Con estas reivindicacións, o sindicato organizou unha mobilización que sairá do Inferniño ás 19h00.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartel da CIG, lembrando a commemoración do Día da Clase Obreira Galega
Cartel da CIG, lembrando a commemoración do Día da Clase Obreira Galega
Todos os anos, membros de CCOO fan unha ofrenda floral ante a escultura que lembra a Amador e Daniel / Imaxe: CCOO
Todos os anos, membros de CCOO fan unha ofrenda floral ante a escultura que lembra a Amador e Daniel / Imaxe: CCOO