Máis dun milleiro de persoas reuniuse na Porta do Sol. Numerosas mostras de apoio chegaron dende todo o mundo.
Máis dun millar de persoas saíu este sábado á rúa en Vigo para protestaren contra o veredicto ditado polo xurado popular que absolveu de dous delitos de asasinato o Jacobo Piñeiro Rial, autor confeso da morte de Isaac Pérez Treviño e Julio Anderson Luciano.
Pasadas as 20.00 horas, momento previsto para o inicio da mobilización, a Porta do Sol de Vigo acolleu un acto de condena en que estiveron presentes familiares, amigos e representantes de colectivos homosexuais de toda Galiza, que despregaron unha bandeira gai sobre a que se colocaron dúas persoas tapadas con dúas sabas brancas simulando os corpos de dous falecidos.
A concentración estivo presidida por varias pancartas nas que se podían ler lemas como 'A Xustiza é cega, nós non' e 'Julio e Al-Dani (Isaac Pérez) dous veces asasinados pola homofobia', sostidas, entre outros, por Marta Pérez, nai do falecido Isaac Pérez, e por Rober Bass, creador do Facefook 'Todos contra o tribunal popular homófobo de Vigo'.
Marta Pérez, visiblemente emocionada ao comprobar o apoio dos vigueses, pediu xustiza e resaltou "o apoio da xente". "Non teño palabras para agradecer a todo o mundo o que está a facer por mi", dixo. "Teño moita fe e creo que isto é unha inxustiza tan grande que ten que anularse o xuízo, ten que repetirse e teño fe en que se faga", engadiu.
Varios asistentes á concentración portaban candeas acendidas "como signo da luz que están a buscar para que se faga xustiza", segundo explicou Rober Bass, e ramos de flores. As candeas foron colocadas na fonte situada no centro da Praza da Princesa.
Colectivos participantes e apoio en todo o mundo
Maribolheras Precárias, Nós Mesmas, Milhomes -que alugou autobuses na Coruña e Compostela para acudir á concentración-, Asociación para a Liberdade Afectivo-Sexual (Alas-Lugo), Asociación para a Saúde Sexual (Agasex), a Fronte Popular Galega (FPG), Stop Accidentes ou Érguete foron algúns dos colectivos participantes na concentración.
A protesta foi secundada en Cataluña, Euskadi e Madrid. O Colectivo Gai de Barcelona e o Front d'Alliberament Gai de Catalunya convocaron unha concentración ao mesmo tempo que a de Vigo, na Plaça Universitat. Tamén en Gasteiz, á mesma hora na Praza da Virxe Branca, e na capital española, na Puerta del Sol. Ademais, nos últimos días, numerosas mostras de apoio chegaron a través de Facebook, dende Nova York, México DF ou Berlín.