Esta cuarta feira filtrouse á prensa a presunta relación de Xesús Otero co caso, mesmo antes de que recibise a citación para ir declarar.
Segundo informacións da Radio Galega, hai un grande malestar no Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, que leva o caso da trama das multas de tráfico, xa que se filtrou á prensa a suposta implicación do subdelegado do goberno español, Xesús Otero, no caso.
A prensa publica, nesta quinta feira, esta suposta implicación, mesmo antes de que o propio Otero recibise a citación para acudir a declarar. O mesmo subdelegado do goberno español en Lugo, soubo da situación lendo os xornais de mañá, mais dicía sentirse tranquilo, "até que se aclaren as cousas".
Ao parecer, o nome de Xesús Otero apareceu no caso cando o xefe provincial de Tráfico de Lugo, Julio González, relataba que el mesmo arquivou varias sancións, "por mandato do subdelegado", e que, a pesar de "non estar de acordo", actuou deste xeito pola "obediencia debida".
A trama das multas de tráfico de Lugo
Esta terza feira a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) destituíu o seu xefe provincial en Lugo, Julio González, pola súa presunta implicación nunha trama para evitar o cobro de multas. González declaraba a pasada semana como imputado no caso, mais as investigacións levan meses abertas, e no seu día xa foron implicadas na trama unha funcionaria da Xefatura de Tráfico e outras dúas persoas particulares.
A trama dedicábase a atrasar os trámites para o cobro de multas de tráfico até que estas prescribían. A cambio, os funcionarios públicos, presuntamente, recibían subornos.