Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Denuncia na Garda Civil

'Morto o can, acabouse a rabia'

O Concello do Carballiño (PSOE) nega que se estean a sacrificar os animais da canceira municipal, malia a existencia dalgunhas evidencias.

Fernando Arrizado - 17:30 04/03/2009

As asociacións ecoloxistas Matar por matar, Non e Amigos da Terra levan tempo denunciando as condicións deplorábeis en que viven os cans que o Concello do Carballiño 'almacena' na canceira municipal.

Dende o pasado 1 de xaneiro, logo dun acordo plenario aprobado cos votos do BNG e do PP, a Concellaría de Medio Ambiente xestiona directamente a instalación, aínda as organizacións denunciantes aseguran que este labor xa o desempeñaba a Administración local cando a encargada era unha outra organización subcontratada. Esta acusación provocou que o caso estea nos tribunais.

A todas luces unha cousa mellorou nestes dous meses: o espazo. Segundo confesa Montse Valencia, asesora xurídica de Amigos da Terra, na visita que fixeron á canceira en novembro comprobaron que os animais vivían amoreados nas gaiolas. Este martes, achegáronse de novo "como posíbeis adoptantes", e desapareceran os problemas de espazo. Mais tamén arredor dun cento de cans.

Tendo en conta que as adopcións levan tempo paralizadas -tal e como confesou nos medios a concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Pérez, e confirma Xulio Fernández, voceiro de Matar por matar, Non-, ambas as dúas asociacións ecoloxistas decidiron pór en coñecemento do Seprona -que acudiu ao lugar e fixo o correspondente atestado e censo oficial- esta nova circunstancia.

Foxa de cadáveres na canceira
A maiores constatouse -tamén fotograficamente- a existencia no propio recinto dunha foxa de profundidade indeterminada con varios cans mortos e cubertos por cal. A lexislación europea estabelece que debe ser un xestor especializado o que se encargue, ben do soterramento dos cadáveres, ben da súa incineración.

A actual situación, asegura Valencia, podería afectar a saúde dos traballadores da canceira e a do resto de animais. "O que queremos que se investigue é como e por que se produciron estas mortes. Se se paralizaron as adopcións, onde van os cans? Hai un servizo veterinario que certifique as mortes?"

A estas preguntas respondeu esta cuarta feira o Concello, que convocou os medios nas instalacións e emitiu un comunicado. Afirman que as persoas que o martes visitaron a canceira "irromperon pola forza"; aseguran que "non existe sacrificio nin eutanasia"; argumentan que a redución de exemplares, "un número inferior do denunciado", se debe a "causas naturais"; e din que a foxa "non é actual".

"Sen luz nin auga"
As fotos, no entanto, tal e como sinala Xulio Fernández, amosan que o sangue dos cans aínda está fresco, o que demostra que a súa morte se produciu despois do 1 de xaneiro, afirma. De feito, o protocolo de actuación require que a instalación -proporcionalmente moito máis custosa que a de, por exemplo, Compostela- conte cunha neveira onde conservar os cadáveres até que o xestor os recolla.

Porén, segundo denuncia o voceiro de Matar por matar, Non, a canceira carece de luz e auga corrente, porque "as tubaxes están cheas de ratas e hai curtocircuítos". O Concello négao; di que se cumpre o protocolo e recoñece que dende que asumiron a súa xestión pasaron varios días sen que houbese luz, algo que agora "xa está solucionado".

Preguntados pola cuestión da atención veterinaria, fontes do departamento que dirixe María Xosé Pérez -esposa do conselleiro de Medio Ambiente en funcións e posíbel secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez- din que contan coa colaboración "temporal" dunha clínica veterinaria do Carballiño. A razón é que están á espera de que sexan aprobadas as normas polas que se rexirá a canceira -publicadas no BOP do 23 de febreiro (.pdf)- e que impiden que polo momento haxa un "convenio formal".


Ligazóns

2/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dúas imaxes da foxa, este martes / Fotos: Amigos da Terra e Matar por matar, Non
Dúas imaxes da foxa, este martes / Fotos: Amigos da Terra e Matar por matar, Non
Varias gaiolas, antes ateigadas, agora están baleiras / Fotos: Amigos da Terra e Matar por matar, Non
Varias gaiolas, antes ateigadas, agora están baleiras / Fotos: Amigos da Terra e Matar por matar, Non