Desta volta foi a Lei do pluralismo e da non concentración dos medios de comunicación. O presidente sinalou que é mellor agardar polas decisión da UE neste eido.
O Presidente da República Portuguesa, Aníbal Cavaco Silva (PSD), vetou esta segunda feira a Lei do pluralismo e da não concentração dos meios de comunicação social, ao considerar que non hai "urxencia" para lexislar sobre esta materia. A lei fora aprobada, o pasado 23 de xaneiro, cos votos do Partido Socialista, e tivera en contra a toda a oposición.
Este seu último veto únese, entre outros, ao da lei do divorcio -en agosto do ano pasado-, á revisión do Estatuto das Azores -tamén en agosto de 2008-, e a unha outra revisión da lei electoral -a comezos do mes de febreiro-, para que os emigrantes votasen en urna. O presidente portugués leva, nestes catro anos, oito vetos continuados ás propostas lexislativas do PS.
Esta terza feira, ademais, Cavaco Silva volveu aparecer nos medios de comunicación anunciando que vai marcar a data das vindeiras eleccións lexislativas -que se desenvolverán este ano-, a partir do mes de xuño.
Agardar polo que diga Europa, e non prexudicar os grandes grupos privados
"A referida lei foi aprobada nun momento no que a Comisión Europea se encontra a promover a definición de criterios fiábeis e de indicadores obxectivos sobre o pluralismo dos medios de comunicación social, non habendo motivo que xustifique urxencia na publicación dun diploma desta natureza e alcance", refire un comunicado divulgado na web de Presidência. Alén disto, Cavaco Silva considera "desaconsellábel o recurso a conceptos indeterminados (...) que poden crear inestabilidade no sector e vir a poñer en causa a propia independencia das empresas e a súa viabilidade".
O presidente portugués aínda sinala que na actual "conxuntura económica", non lle corresponde ao Estado intervir nun sector cuxa actividade non está garantida.
Unha lei pola pluralidade nos medios de comunicación
A lei aprobada impídelle ao goberno portugués, aos gobernos rexionais e aos municipais ser propietarios de órganos de comunicación social, facendo unha excepción coa radio, a televisión pública e as publicacións institucionais. Segundo apuntou o ministro dos Assuntos Parlamentares en xuño do ano pasado, cando o proxecto desta lei foi aprobado polo Conselho de Ministros, a norma "cumpre un dos obxectivos do programa do goberno", que "sexan finalmente aplicados os preceptos constitucionais" para que o Estado "promova a divulgación da titularidade e os medios de financiamento dos órganos de comunicación social, así como a súa independencia en relacións ao poder político", ademais de "impedir a concentración" destes medios nunhas poucas mans.
Esta lei, entre outras cousas, obriga as empresas de comunicación a divulgar anualmente que outras empresas posúen participacións iguais ou superiores ao 5% do seu capital social.
A noticia nos medios portugueses