Os propietarios que revisen a súa cota terán rebaixas de entre 180 e 260 euros.
A de febreiro é a maior caída anual do Euríbor, dende que se crease este indicador. A un día de rematar o mes, a referencia para fixar a maioría das hipotecas en Galiza situou a súa media mensual no 2,14%, 0,476 menos que en xaneiro, e moi lonxe do 4,349% de hai preto de 12 meses. As boas noticias para os cidadáns afectados pola recesión económica non rematan aí, segundo os expertos a previsión é que continúe baixando animado pola previsíbel baixada dos tipos de interese por parte do Banco Central Europeo (BCE).
Casos concretos
Aqueles que fagan a revisión semestral ou anual da súa hipoteca no vindeiro mes serán os beneficiados desta nova baixada. Para un crédito de 150 mil euros a pagar en 25 anos, a rebaixa cifrarase en 180 euros mensuais, máis de 2.100 ao ano. Se a comparación se fai con seis meses atrás, o aforro é aínda máis elevado, 266 euros ao mes e 3.200 anuais.
Tamén baixan os prezos
Outro dato coñecido este venres é o da inflación. O Índice de Prezos ao Consumo Harmonizado no Estado Español caeu unha décima en febreiro e situou a súa taxa anual no 0,7%. É o sétimo descenso consecutivo e a cota máis baixa de crecemento dende xuño de 1969, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).
Mentres non se coñezan os datos definitivos, o vindeiro 12 de marzo, a previsión é que esta baixada se deba, unha vez máis, ao efecto da cotización do petróleo e, en menor medida, ao remate das rebaixas e ao descenso do prezo dalgúns alimentos.