Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Euskadi 2009

O director de Berria di que vai gañar Ibarretxe, pero que o presidente vai ser socialista

Matxelo Otamendi charlou cos lectores de Vilaweb sobre as eleccións vascas, así como o fixo o director de Vieiros, Ramón Vilar Landeira, a pasada semana sobre as galegas.

Redacción - 19:25 26/02/2009
O director de Berria, Martxelo Otamendi

O director de Berria, Martxelo Otamendi

O xornalista e director do diario vasco Berria, Martxelo Otamendi, conversou esta quinta feira, nun chat, cos lectores e lectoras do xornal electrónico catalán Vilaweb sobre as eleccións vascas. Do mesmo xeito que o fixo o director de Vieiros, Ramón Vilar Landeira, a pasada semana, Otamendi deu a súa opinión sobre os resultados das eleccións e valorou a situación política e social no seu país, entre outras cousas.

O director de Berria sinalou que está convencido de que vai gañar Juan José Ibarretxe, o actual lehendakari, do PNV, pero que o presidente e o Goberno, desta volta, vai ser do Partido Socialista. En canto á prohibición de que concorran nestes comicios os partidos da esquerda independentista vasca, Otamendi sinalou que a sociedade está un bocado "cansa" da situación, polo que a campaña non está a ser moi forte.

Otamendi atopábase na redacción de Berria, en, mais respondeu ás preguntas que lle foron formulando no chat en catalán, empregando un tradutor.

"É posíbel, pero non probábel que o PSE gañe"
Isto dixo o xornalista sobre o posíbel resultados destes comicios, aclarando que o PSE podería chegar a gobernar, porque xuntos cos votos que consiga o PP vasco, hai suficientes para que Patxi López chegue a ser lehendakari. "Porén, se Ibarretxe puidese configurar un goberno cos outros partidos abertzales, sería unha gran vitoria para el".
Como prognóstico final, Otamendi sinalou que "vai gañar Ibarretxe, pero estamos case seguros que haberá un presidente socialista", xa que, aínda que López chegase ao poder coa axuda dos populares, os acordos da lexislatura podería facelos co PNV, e, en calquera caso, co propio PP.

"Sensación de cansazo na esquerda independentista"
Os lectores de Vilaweb tamén lle preguntaron a Otamendi cal é a situación na esquerda abertzale, despois da ilegalización de D3M e Askatasuna, e o xornalista respondeu que o estado de ánimo dos seus militantes e simpatizantes é "de cansazo". Aínda que, segundo aclarou, hai un debate interno no seo dos partidos abertzales, xa que hai quen cre que "fai falta resistir", e outros que pensan que "a resistencia non pode ser eterna", polo que é preciso "procurar unha estratexia para cambiar a sensación que temos, agora que o Estado atopou o xeito de desgastar a esquerda independentista".

Nesta liña, Otamendi tamén respondeu á pregunta de se que van facer neste comicios os votantes da esquerda abertzale, se se van decidir polo PNV, Aralar ou EA. Ao seu ver, "van poder votar, porque a esquerda abertzale non propuxo a abstención, senón o voto nulo. Dende D3M están a enviar, por correspondencia, unha papeleta igual ás dos outros partidos coas súas siglas. Polo tanto, eles van votar por eles mesmos. De todos os xeitos, de forma non organizada, algúns sectores quizás vaian a polo 'voto de salvación nacional', o de Ibarretxe, dificilmente votarán a Aralar, que é unha escisión. Tamén é preciso aclarar que un voto útil do PP podería ir cara o PSE".

Os lectores tamén lle preguntaron a Otamendi porque é tan complicado visibilizar a situación que se vive en Euskadi en Europa, ao que este respondeu que "corren tempos difíciles para reclamar solidariedade en xeral, sobre todo nas estruturas estatais, porque hai un acordo entre os estados europeos para non interferir nas políticas dos veciños (...) O tempo da solidariedade europea está terminando".

O caso de Egunkaria
É preciso lembrar que Martxelo Otamendi foi director do xornal Egunkaria, pechado hai seis anos por orde do xuíz Juan Del Olmo, da Audiencia Nacional española. Os lectores tamén lle preguntaron pola situación actual dos seus xornalistas, xa que moitos deles, entre os que se atopa o propio Otamendi, están aínda á espera de xuízo, segundo lembrou. "Por agora todos os xuízos políticos da Audiencia están atrasados, até que se coñeza a sentenza definitiva do recurso 18/98, que estabelecerá a doutrina sobre o binomio organización armada igual ou non a organización terrorista".


Ligazóns

1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: