Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
NORMALIZACIÓN

A Mesa chama a votar para evitar políticas que enterren o galego

Rexeita discursos demagóxicos e tremendistas das forzas políticas que falan da imposición da nosa lingua e piden participación masiva o vindeiro domingo.

Redacción - 18:15 26/02/2009

A Mesa pola Normalización fai un chamamento á cidadanía galega para que participe nos comicios electorais deste primeiro de marzo e dean o seu apoio a aquelas forzas que aposten polo avance no proceso de normalización do galego.

Dende esta asociación cidadá propoñen que non se vote polos partidos que manifestaron o seu interese en lexislar contra o idioma propio de Galiza, entre os que mencionan ao Partido Popular, quen anunciou que, no caso de gobernar, derrogaría o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino nesta lingua. A Mesa chama á sociedade a "non permitirmos ao candidato do PP ser o enterrador do galego coas súas políticas contra a nosa cultura", xa que entende que un novo goberno liderado por esta formación suporía un retroceso para o galego.

Doutra banda, asegura rexeitar "os discursos demagóxicos e tremendistas de determinadas forzas políticas, nos cales se axita unha inventada imposición do galego", ao tempo que denuncian que "estes mesmos partidos fuxan a fume de carozo de denunciar a verdadeira imposición lingüística que segue padecendo a maioría social do país: a imposibilidade de vivir en galego as 24 horas quen así o desexe".

Finalmente, a Mesa acusa a estas forzas políticas que falan dunha "inventada imposición da nosa lingua propia" de ser "os mesmos aos que obxectivamente interesa desmobilizar o electorado e que o 1 de marzo haxa unha escasa participación".


Ligazóns

5/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: