Emite un manifesto como reacción a que os departamentos lingüísticos galego, vasco, catalán e balear premiasen unha multinacional "que non fomenta a diversidade".
Os responsábeis de Política Lingüística dos catro gobernos coa presidenta de Microsoft Ibérica, este mércores
Distintas agrupacións relacionadas co software libre en Galiza emitiron un comunicado conxunto para amosaren o seu rexeitamento ao recente premio concedido a Microsoft polos departamentos de Política Lingüística dos gobernos galego, vasco, catalán e balear. Segundo o escrito, a Secretaría Xeral, dependente da Presidencia da Xunta, amosa "completo desprezo" polo seu traballo.
O manifesto, redactado "tras o debate oportuno nas canles de comunicación que nos son propias", amosa "estupor e perplexidade" pola noticia que supuxo o premio á promoción da realidade plurilingüe outorgado á empresa estadounidense "polo seu esforzo de xuntar a diversidade lingüística coas novas tecnoloxías".
O estupor da comunidade de software libre débese a que se lle conceda ese premio "a unha empresa que non fomenta tal", pois "obtivo no ano 2008 uns beneficios de 60.700 millóns de dolares e que ben puidera ter pagado por si mesma a tradución completa dos seus produtos ó catalán, éuscaro e galego", cuxos falantes representan un terzo da poboación do Estado Español. Porén, "as traducións dos seus produtos foron feitas por mediación dos gobernos locais, en determinados casos con achegas directas ou ben con outro tipo de incentivos, cando xa só en concepto de licenzas Microsoft está a percibir millóns de euros anualmente desas mesmas administracións gobernamentais".
A comunidade engade que esas traducións de produtos de Microsoft "non foron postas á disposición pública" e "son parciais e non inclúen a axuda, instalación ou outros elementos localizábeis", pois "están concebidas como traducións subordinadas do español ou do francés". Estes servizos en linguas propias "non repercuten máis ca no propio beneficio da empresa", pois permite afianzar o seu monopolio e inhibe outras alternativas libres que xa dispoñen destes servizos traducidos "a un custo nulo".
A comunidade de tradución de software libre ao galego leva máis de dez anos traballando "de xeito anónimo, altruísta e comprometido". Froito dese labor, acadouse a tradución completa dos escritorios Gnome e KDE, as distribucións Debian e Ubuntu ou os aplicativos OpenOffice e Mozilla, que constitúen unha alternativa libre aos produtos da empresa premiada.
En contraposición, salientan o labor da Consellaría de Industria e de Mancomún, que "nos últimos anos veu apoiando o software libre e a tradución ao galego dun xeito decidido e comprometido", expresado no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) ou nos encontros de tradutores G11N. Por iso, consideran a concesión do galardón por parte de Política Lingüística "coma un xiro no Goberno na dirección oposta e incorrecta".