O número de inmóbeis hipotecados diminúe a ritmo acelerado, mais o descenso supón a metade do rexistrado no Estado Español.
O mercado inmobiliario galego tamén presenta un comportamento diferente ao do español. Así se deduce do último informe do Instituto Nacional de Estatística (INE), que informa de que o número de hipotecas constituídas sobre vivendas ascendeu a 37.063 no conxunto do ano pasado, o que supuxo unha caída do 16,5%. Este descenso é a metade do rexistrado no Estado Español, onde o número de inmóbeis hipotecados caeu un 32,4%.
Prezos que tamén baixan
Atendendo á lóxica do mercado, o importe polo que se asinan estes novos contratos tamén descende: así, a media das hipotecas sobre vivendas no Estado baixou un 6,2% en 2008 con respecto ao ano anterior situándose en 139.780 euros. Con todo, o informe estatístico non permite elaborar unha comparación similar no caso galego.
Menos capital
Do mesmo xeito, o capital prestado para este tipo de operacións superou os 116.724 millóns de euros, un descenso do 36,6% sobre o exercicio de 2007. As caixas de aforros foron as entidades que concederon un maior número de créditos hipotecarios durante o 2008, acaparando o 55,8% do total, seguidas dos bancos (34,3%) e doutras entidades financeiras (9,9%).