Os mariscadores da zona son os responsábeis de regular a entrada de auga na lagoa, unha decisión que toman "sen ningún criterio hidrolóxico do espazo".
A lagoa de Baldaio é un espazo protexido, un paraíso natural que está a sufrir as consecuencias da entrada excesiva da auga do mar. Así nolo explica o presidente do Grupo Naturalista Hábitat, Antón Vázquez, quen denuncia a inexistencia dun calendario de aperturas e peches para as súas comportas. Este mecanismo está en funcionamento dende hai dous anos, cando Costas puxo en marcha un proxecto para a rexeneración do entorno. Con todo, xa daquela o organismo estatal comprometérase a elaborar unha axenda que estabelecese os horarios para permitir a entrada da auga, cousa que até o de agora non fixo.
A decisión de abrir as comportas tómana actualmente os mariscadores da zona quen, preocupados polo furtivismo, prefiren pechalas e manter a marea chea dentro da lagoa. Así, evitan que lles rouben o marisco, mais esta acción ten unhas consecuencias irreparábeis no entorno. Segundo Antón Vázquez "provoca a diminución da poboación das especies vexetais, que non poden aturar as condicións de asolagamento actuais". Asemade, "redúcese o número de aves invernantes ou en paso ao non atopar zonas propicias de alimentación", unha situación que podería afectar até o 75% dalgunhas especies. E tamén "varíanse as zonas de sedimentación, créanse novos depósitos de area na boca da lagoa e impídese a entrada e saída natural da auga". "Entendemos o interese dos mariscadores", di Vázquez, "mais esta non é a solución, é máis, o propio marisco non se ve beneficiado porque precisa unha renovación da auga máis constante, tal e como sucede coas mareas".
Denuncia ante Bruxelas
Baldaio forma parte do LIC (Lugar de Interese Comunitario) Costa da Morte e está incluído na ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves) Costa da Morte, polo que a súa xestión debe de ser compatíbel coa conservación dos seus valores naturais. Atendendo a este recoñecemento, o colectivo xa presentou unha denuncia fronte a Unión Europea. Agora están a elaborar un informe sobre as afeccións exactas que ten esta acción sobre o espazo.
No seu texto defenden que "é incompatíbel a regulación do libre movemento da auga do mar con fins lucrativos de dubidoso rigor científico" e defenden unha solución que pasaría pola vixilancia do furtivismo e as infraccións ambientais ao tempo que se retirasen todo tipo de diques e peches. Ademais, piden que se elabore un estudo hidrolóxico do espazo, que determine as verdadeiras necesidades do entorno. Mentres, e como solución parcial inmediata, reclaman a apertura constante das comportas e a retirada do seu control aos mariscadores.