Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
O peche da lagoa de Baldaio ameaza unha planta en perigo de extinción e dificulta a migración das aves limícolas

Grave alteración da lagoa de Baldaio

A mala xestión dun proxecto desenvolvido pola Demarcación de Costas está provocando unha grave alteración da lagoa costeira de Baldaio.

Colectivo Hábitat, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Sociedad Española de Ornitologia, Federación Ecoloxista Galega - 13:03 31/08/2007
Tags:

A lagoa costeira de Baldaio (Carballo) é a que presenta a comunicación co mar máis fluída de Galicia, polo que está completamente sometida ás oscilacións das mareas. Isto determina unha fauna case propia dun esteiro máis que dunha lagoa, pero coa diferenza de ofrecer unha superficie intermareal inmensa concentrada arredor da lagoa, que é toda a chaira lamacenta que descobre a marea baixa. Este ecosistema, ademais de estar protexido pola Directiva Hábitats, é vital para a alimentación de aves limícolas protexidas coma a píldora cincenta (Pluvialis squatarola), o pilro gordo (Calidris canutus) e o mazarico rubio (Limosa lapponica), entre decenas de especies. Citamos estes tres exemplos porque xa sufriran claras consecuencias durante a explotación de áridos nas lagoas na década dos setenta. Despois desta desfeita gañouse a lagoa para os mariscadores e tomouse conciencia da ameaza que sufrían os seus valiosos ecosistemas, polo que se declarou lugar de interese comunitario en 1999 e zona de especial protección para aves no ano 2003 dentro da Rede Natura 2000. Naquel momento a explotación de baixa intensidade era compatible coa conservación, é dicir, tratábase dunha explotación sostible. Hai que destacar ademais que a Directiva Hábitats (92/43/CEE) protexe os catro ecosistemas afectados polo anegamento, entre eles os pasteiros salinos onde vive a planta Limonium dodartii, especie endémica do litoral occidental europeo considerada en perigo crítico de extinción.

Durante o mes de xuño a Demarcación de Costas rematou a instalación dunhas comportas para a “rexeneración ambiental” da lagoa e cedíallas á confraría de mariscadores para a súa xestión. A confraría, como é lógico, aplicou criterios unicamente de explotación (vixilancia da extracción, produción de bivalvos co mar a un nivel case constante). A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, pola súa banda, convocaba concurso para un proxecto de explotación sostible no Lugar de Interese Comunitario mentres todo isto sucedía co seu consentimento.

O pasado mes de xullo o Grupo Naturalista Hábitat en contacto coa administración solicitou a apertura cautelar das comportas, a cal recoñeceulle que era unha proposta correcta, pero entraba en conflicto coa cesión da xestión das comportas do espazo protexido aos mariscadores.

O Grupo Naturalista Hábitat, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife) presentaron os correspondentes escritos para recibir unha explicación oficial. Agora mesmo a situación está ben clara: a demarcación e a consellería incumpren as normativas europeas.

Agora mesmo a situación está ben clara: a demarcación e a consellería incumpren as normativas europeas.
A conservación da lagoa costeira de Baldaio pasa polo mantemento da dinámica de mareas. O delega-la xestión do espazo protexido aos que se benefician da súa modificación é, ademais de insostible, ilegal.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: