O presidente da entidade asegura que a competencia entre ambas é un factor de progreso e que a súa unión só se explicaría nunha situación extrema.
Caixanova conseguiu en 2008 uns beneficios despois de impostos de 178,6 millóns de euros
Nunha semana en que se está a negociar a fusión entre Unicaja e Caja Castilla, o presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso, descartou unha operación similar con Caixa Galicia. Asegurou que "o feito de que os cidadáns poidan elixir é bo para as entidades e tamén para os usuarios, xa que a competencia é moi san e un motor de progreso". Nesta liña, subliñou que ambas as dúas contan con modelos diferentes que as fan complementarias, o que non impide que aborden "actuacións importantes para Galiza" conxuntamente. Neste sentido mencionou proxectos como Pescanova, ou a planta de Mugardos, nos que as dúas entidades "van da man".
Con todo, destacou que o feito de que existan as dúas opción tanto para o empresariado como para as familias, fai que as propias caixas intenten mellorar os seus produtos, prezos, prazos ou comisións, o que redunda no beneficio da propia cidadanía. Con respecto á fusión das caixas manchega e andaluza, Gayoso explicou que "é un proceso moi difícil" que responde a acordos empresariais" e incidiu en que esta situación só se dá en casos extremos, nos que periga a supervivencia dunha das entidades.