Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Rueda insiste na lista de gastos do presidente

"Touriño compórtase como o sultán de Brunei", acusa o PP

O PSdeG retruca subliñando a "austeridade" do actual Goberno fronte ao "desbalde" de recursos públicos na etapa do PP na Xunta.

Redacción - 14:00 20/02/2009

"Tan só a librería do despacho de Touriño custa 119.559 euros, arredor de 20 millóns das antigas pesetas, un desblade máis propio do sultán de Brunei que do presidente dunha comunidade autónoma que atravesa a crise económica máis intensa das últimas décadas". Así o afirmou este venres o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, facendo repaso de gastos da Presidencia da Xunta.

"Só a soberbia de Touriño pode explicar que destinase máis de 15 mil euros a unha mesa de despacho, máis de 17 mil euros a unha credecia; máis de 13 mil euros a unha mesa de xuntas, ou máis de 5 mil euros a unha mesa de centro", debullou o tamén candidato do PP pola circunscrición de Pontevedra. Os populares critican ademais a contratación de "empresas catalás" para a subministración de "exquisitos mobles de nogueira do seu despacho".

Ao respecto, Emilio Pérez Touriño retrucou na mesma xornada que as acusacións sobre o custo do mobiliario do seu despacho son unha "campaña de contraataque" a raíz dos problemas nos que se ve implicado o PP estes días. "Cando España enteira vive o caos en Valencia, as tramas de espionaxe de Esperanza Aguirre en Madrid ou os problemas de corrupción imputábeis a conselleiros do goberno balear, hai un contraataque que busca desprestixiar o presidente da Xunta e o candidato do PSOE", argumentou Touriño en declaracións para a canle Tele5. Ao fío, retrucou o presidente que o custo dos mobles dos que dispón no seu despacho redúcense á "metade da metade" do publicado e garantiu que a Xunta é agora "transparente".

Na mesma liña, a secretaria de Organización do PsdeG, Mar Barcón, revelou exemplos do que, na súa opinión, foi a "dilapidación" do anterior goberno do PP en Galiza, apuntando que Manuel Fraga dispuxo que a residencia presidencial de Monte Pío tivese "piscina climatizada e ximnasio" e subliñando que "só a piscina custou bastante máis que a remodelación dunha á de San Caetano". Relatou Barcón que daquela o gabinete Fraga encargou a compra dunha "mesa inglesa do Século XIX por 33 mil euros e cadeiras de 6.599 euros", e que a actual administración descoñece onde están. Engadiu ademais que o anterior presidente dispoñía de tres coches, "un máis que" Touriño, e que mesmo, na súa condición de ex xefe do Executivo, "levou un a Madrid", onde exerce como senador polo PP. Asegurou Barcón que estes gastos non se fixeran públicos antes "por prudencia e lealdade institucional", entendendo que "a factura política estaba pasada nas urnas".


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: