A presidenta da Unión de Consumidores de Galicia, Ana Olveira, resume as prioridades que o Goberno que saia das urnas debería atender.
Ana Olveira, presidenta da UCGAL
"Dende a Unión de Consumidores de Galicia entendemos que a vindeira lexislatura se enfronta a importantes retos en materia de consumo. Cando están a piques de cumprirse 25 anos da aprobación do Estatuto Galego do Consumidor, bótase en falta a aprobación dunha nova norma que regule, en consonancia coas actuais características do mercado, as relacións comerciais e de prestación de servizos. Cómpre polo tanto tramitar e aprobar un proxecto de Lei de Consumo que nos seus elementos esenciais recibiu a aprobación das organizacións de consumidores galegas.
Nembargantes, a UCGAL considera que unha nova Lei non é máis que unha ferramenta, que para que resposte aos seus obxectivos debe ir acompañada de políticas activas de defensa e protección dos consumidores e de fomento das súas organizacións. Un fomento que debe implicar a todas e cada unha das Administracións Galegas, por que con independencia do eido no que nos movamos, consumidores somos todos e todas, e poucas son as actuacións dos poderes públicos que directamente ou indirectamente non inciden neste eido.
Sanidade (listas de espera), servizos públicos (transportes, electricidade...), educación, servizos sociais (garderías, dependencia, maiores...), o agro (produtos alimenticios), a pesca, vivenda (acceso universal), comercio, medio ambiente... Toda regulación nos afecta como consumidores, mais... canto se nos ten en conta?"