Un pirata informático aproveitou o débil contrasinal de Pedro Duarte para introducir un comentario saído de ton mentres o político participaba nun debate televisivo.
Antiga mensaxe de erro de Twitter
Cando abriu unha conta en Twitter, o deputado socialdemócrata portugués Pedro Duarte pensou que sería un bo xeito de relacionarse co electorado. Pero non imaxinaba que algún pirata informático aproveitaría para apoderarse da súa identidade e soltar comentarios "provocatorios".
O luns pola noite, mentres Duarte interviña no debate da RTP "Prós e Contras", sobre o casamento homosexual, no seu Twitter apareceu unha mensaxe sobre unha xurista que tamén interviña no programa, Isabel Moreira: "Aquela jurista foi um erro de casting. Não sei, nem quero saber, a sua orientação, mas falta-lhe homem".
Durante toda a noite, a blogosfera debateu sobre se esa mensaxe sería un comentario privado do parlamentario que se tornara público inadvertidamente. Á mañá seguinte, Duarte esclareceu todas as dúbidas con dúas mensaxes: "Alguém, ilegitimamente, twittou ontem em meu nome com conteúdos ofensivos, que lamento. Assim, encerro hoje a minha conta no Twitter até perceber o que se passou. Obrigado a quem me avisou e peço desculpa aos visados."
En declaracións a Público, Duarte confirmou que só se enviara unha mensaxe ofensiva á súa conta do Twitter, e admitiu que o seu contrasinal era "bastante simples" e que "não conheço suficientemente o Twitter. Tenho de perceber melhor o que está em causa, mas não vou deixar de utilizar as novas tecnologias". Aínda que manifestou a súa intención de usar as novas tecnoloxías como achegamento á cidadanía, preferiu "apagar a conta do Twitter" para sentirse "mais seguro".
Non é a primeira vez que este servizo web provoca escándalos políticos. A semana pasada, un ministro neerlandés fixo pública unha imaxe dos traballos do Consello de Ministros a través do Twitter, o que non sentou moi ben dentro do goberno.
En Twitter, os usuarios poden enviar comentarios de até 140 carácteres que poden ser lidos por calquera persoa -ou non-, a través da internet, por SMS ou mediante mensaxaría instantánea.