As autoridades norteamericanas comezaron a investigar o papel dalgúns altos cargos do exército no uso indebido de 125 millóns de dólares.
Imaxe dunha protesta contra a guerra do Irak / Flickr: priscillamora
As autoridades da Inspección Xeral para a Reconstrución do Irak (US Special Inspector General for Iraq Reconstruction, SIGIR) dos EUA están a investigar o papel dalgunhas figuras da alta xerarquía militar do país na desaparición de 125 millóns de dólares (perto de 160 millóns de euros) canalizados nestes labores, e dos que ninguén quixo, aínda, render contas. Un informe adianta esta cifra, mais non se sabe con certeza o diñeiro exacto que desapareceu das arcas estadounidenses.
Segundo publica o xornal británico The Independent, podería tratarse da meirande fraude da historia dos EUA. Mesmo maior aínda que a do caso Madoff, na que a fraude se cifrou en máis de 60 millóns de euros. Están no albo da investigación altas figuras militares, porque todas as responsabilidades da reconstrución do país, destruído durante a guerra, estaban relacionadas co Pentágono. O xornal estadounidense The New York Times revelou que os investigadores posúen os rexistros bancarios do coronel Anthony B. Bell, quen coordinou as partidas destinadas aos labores de reconstrución, entre 2003 e 2004; e do tenente Ronald W. Hirtle, con igual responsabilidade que Bell a partir do 2004.
Un dos casos máis curiosos investigados é o dos 73 millóns de euros enviados ao controlador estadounidense para o centro e o sur do Irak, Robert J. Stein Jr, que até foi fotografado a carón das moreas de billetes. Porén, Stein é un dos poucos altos mandos militares que xa está condenado por fraude e lavado de cartos, prácticas desenvolvidas durante os meses que estivo destacado no Irak.