Tel-Aviv segue prohibindo a entrada de xornalistas en Gaza, onde os bombardeos xa mataron un cámara de televisión.
Sen cámaras non hai testemuñas. Israel plantexou dende o inicio unha estratexia de ocultamento das consecuencias dos seus ataques sobre Gaza; e parece que o vai conseguindo; dende os inicios da televisión nunca tan pouco se puido ver dunha guerra da que só as cadeas árabes (que xa estaban no interior de Gaza) e algúns vídeos en Internet están amosando.
Nos primeiros días da invasión, e coas fronteiras de Gaza pechadas tamén aos xornalistas, Associated Press, Reuters, CNN, a BBC e outros medios e axencias remitíronlle unha carta a Ehud Olmert, solicitando o acceso a Gaza para todos os xornalistas. Así mesmo, Reporteiros Sen Fronteiras vén tempo denunciando a situación da prensa no conflito árabe-israelí, e condenando o 'intento brutal de censura' que hai por parte do exército israelí no que atinxe a ese conflito. Tamén o norteamericano Committee to Protect Journalists protestou publicamente polos ataques israelís contra os xornalistas en Gaza, e esixiu que permitise a entrada de medios de comunicación na franxa.
Ademais, algúns xornalistas presentaron unha demanda ante a Corte Suprema israelí, solicitando o seu dereito a entrar en Gaza, baseado na liberdade de información. A sentenza foi favorábel e xustiza decidiu finalmente permitir a entrada dunha ducia de xornalistas extranxeiros, unha decisión incumprida durante días. Finalmente, esta semana o goberno israelí permitiu entrar en Gaza un cámara da BBC e tres xornalistas israelís. Os catro xornalistas tiveron que acompañar ás unidades xudeas, limitados a cubrir as actividades dos soldados, e foron obrigados a regresar despois de varias horas
Ataques do exército israelí contra os xornalistas
Pero non só é a censura; os xornalistas están sendo tamén vítimas directas das bombas. O 27 de decembro os bombardeos israelís mataron a Bassel Faraj, cámara palestino da televisión alxerina. Esa mesma semana Israel arrestou en Xerusalén (onde residen) a Khodr Shahine, correspondente da televisión iraniana Al-Alam, e ao seu axudante Mohammed Sarhan; foron interrogados e permaneceron detidos durante seis días, sen posibilidade de ver a avogado ningún. O luns 6 o exército israelí disparou dous mísiles contra as oficinas da revista Al-Risala, en Gaza, destruíndoas por completo; uns minutos despois as tropas xudeas tamén bombardearon a imprenta da revista. Así mesmo, o exército de Tel-Aviv interfire decote as frecuencias da radio Sawt al-Sha'b e da televisión Al-Aqsa, difundindo a través delas propaganda militar israelí.
Estratexias de control da información
Israel trata de concentrar a atención do mundo nos ataques con foguetes lanzados polos islamistas contra o sur do seu territorio. Dentro da franxa só hai uns poucos informadores de prensa árabe e Al-Jazeera. A ausencia doutros grandes medios de comunicación internacionais nótase: En determinadas cadeas apenas se difundiu que Israel lanzou ataques contra obxectivos civís. O exército israelí organiza para os xornalistas visitas en minibús a Sderot para que tomen as imaxes dos danos provocados polos foguetes e entrevisten aos habitantes.
Israel mesmo contratou a unha empresa británica de relacións públicas empregada no pasado polos gobernos libanés e norirlandés. Todos os días os xornalistas están recibindo e-mails das embaixadas israelís nos que tratan de explicarlles o porqué das súas accións: din que bombardean para defenderse, que a súa agresión é unha resposta aos ataques de Hamás. Tamén lles pediron que non fagan "uso cínico de imaxes dolorosas como instrumento de propaganda". Os xornalistas que traballan en Israel e nos territorios ocupado teñen que pasar un control de seguridade para recibir do goberno israelí a acreditación de prensa e deben asinar unha declaración pola que acordan publicar artigos, fotografías e gravacións relativos a asuntos de 'seguridade e defensa'. Así mesmo, teñen que remitir exemplos dos seus traballos anteriores.
A propaganda de guerra xa está en YouTube e nas redes sociais. Se a Guerra do Golfo de 1991 foi a primeira guerra televisada, a invasión de Gaza por Israel é a primeira guerra publicada nas redes sociais e nos portais de vídeo. O Exército de Israel abriu unha canle en YouTube, unha páxina en MySpace e outra en Facebook, as principais redes sociais e de vídeo do mundo, para difundir a súa visión da ofensiva contra Hamás en Gaza. A web 2.0 é un magnífico solar para a propaganda e a publicidade.
"A lóxica mediática está controlada globalmente por Israel", explica Dominique Wolton; con todo, o Estado hebreo "non gañará a batalla da comunicación porque o desequilibrio de forzas (con Hamas) xoga na súa contra", declara. Para Charles Tripp, profesor de ciencias políticas medio-orientais na School of Oriental and African Studies de Londres, en Europa "as duras imaxes do que viven os civís en Gaza teñen seguramente un impacto moito máis importante que as de portavoces israelís falando sobre a guerra contra o terrorismo". A comisaria europea de Relacións Exteriores, Benita Ferrero-Waldner, declarou ao presidente israelí, Shimon Peres, que a imaxe do Estado hebreo quedara "destruída" polo seu rexeitamento a escoitar os chamamentos internacionais a un alto o lume.
Os xornalistas, no punto de mira
A OTAN, no marco da súa campaña aérea na República Federal de Yugoslavia, bombardeou o 23 de abril de 1999 a sede da radiotelevisión de Serbia (Radiotelevizija Srbije, RTS), situada no centro de Belgrado, causando a morte de dezaseis empregados da canle. O 19 de xaneiro de 2001, o exército israelí dinamitou o edificio da televisión e a radio palestinas A Voz de Palestina, en Ramallah. Durante a invasión norteamericana en Afganistán, o 12 de novembro de 2001, o exército bombardeou as oficinas de Al-Jazira, en Kabul, coa escusa de que albergaban a algúns membros da al-Qaeda. En abril de 2003 atacou o hotel en Basora no que os xornalistas da Al-Jazeera eran os únicos hóspedes, uns días máis tarde matou en Bagdad ao correspondente Tareq Ayoub, e encarcerou (até en Guantánamo) varios xornalistas da cadea, algúns dos cales din que foron torturados. Á parte dos ataques militares, o goberno de Irak protexido por EE.UU. prohibiu que a cadea informase en Irak.
O Daily Mirror británico chegou a informar de que durante una reunión o 15 de abril de 2004 na Casa Branca co primeiro ministro británico Tony Blair, George W. Bush lanzou a idea de bombardear a central internacional de Al-Jazeera en Qatar. En agosto de 2006 Israel bombadeou as oficinas centrais da cadea de televisión Al-Manar durante a invasion do Líbano.