A exploración ou non da bilateralidade á hora da negociación do Goberno co executivo español é a principal marca diferencial das posicións das forzas políticas.
Os posicionamentos das formacións políticas que agora mesmo teñen representación no Parlamento debuxan unha clara posibilidade de aproveitamento dos numerosos puntos de encontro a prol dun modelo para Galiza cunha ambición que podería depender da correlación de forzas que saia do 1M. Con todo, os argumentarios neste eido parten da propia concepción do autogoberno de cada un dos grupos que nesa liña expoñen as súas arelas en materia de autonomía fiscal. A propia diferencia da percepción que cada unha das principais formacións ten da capacidade do país para valerse de si mesmo na medida en que poida botar man das ferramentas fiscais necesarias, aparece como punto de partida.
O rexeitamento inicial do PP á exploración da bilateralidade non parecería un obstáculo na medida en que a conxuntura e as presións ás que a dirección do partido en Galiza permitan marxe ampla de negociación para os populares. Os movementos na lexislatura que agora rematan prognostican que é factíbel pensar que o consenso é ben posíbel a curto prazo. Falta de esforzo de concreción e problemas na vontade de acelerar a procura dunha posición común son xustamente dúas das eivas que Xosé Antonio Orza, ex conselleiro de Economía, ten subliñado en conversa con Vieiros como obstáculos para o proceso de definición dunha proposta galega de financiamento. Orza chama a ser pragmáticos e esquecer o que cualifica de "ilusións fiscais". Nese sentido, ve incompatíbel a idea de "solidariedade" a nivel estatal coa vía da bilateralidade.
En entrevista recente con Vieiros, o actual conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, expresou o seu optimismo sobre o proceso iniciado, asegurando que nunca houbo no conxunto do Estado un debate tan "aberto e transparente". Ademais, considera o conselleiro que, sen renunciar a novas figuras tributarias, o Goberno xa usou de xeito "valente" a capacidade normativa actual. Nesa liña, a propia demanda dunha axencia tributaria propia, é avalada en intensidades diferentes por PP, PSOE e BNG. Desde PPdeG e PSdeG reflexionan que sería posíbel creala mesmo sen reformar o Estatuto, aínda que non a consideran estritamente prioritaria. O BNG sostén que Galiza "queda atrás" se non avanza por unha vía similar á iniciada por Cataluña.
A opinión dos expertos
A distribución dos recursos é unha cuestión que preocupa, e moito. O debate sobre a fiscalización dos tributos segue aberto e vai aínda máis alá da reforma do Estatuto de Autonomía. Os economistas reflexionan e achégannos as súas propostas alternativas ao actual sistema de financiamento. Así, o profesor da Universidade de Santiago, Xabier Vence, apela á necesaria independencia económica de Galiza: "Se fose un país normal, tería o seu propio sistema impositivo e de recadación de impostos, cos seus orzamentos de gastos e ingresos". Con todo, na actual conxuntura de negociación, Vence defende a reivindicación de maiores cotas de autonomía na capacidade financeira.
Neste punto coincide outro dos economistas consultados por Vieiros, Manuel González, quen recoñece na última proposta estatal elaborada polo ministro de Economía, Pedro Solbes, aspectos positivos e negativos. Entre os primeiros, cita o incremento da corresponsabilidade fiscal das comunidades autónomas e, polo tanto, da súa autonomía fiscal. Non obstante, este criterio, que consegue importantes avances non ten o mesmo resultado en todos os territorios do Estado. Así, mentres Madrid ou Cataluña son quen de cubrir as súas necesidades de gasto cos tributos recadados, Galiza non chega a estes niveis. Pola contra, vai depender do Fondo se Suficiencia, é dicir, "o café para todos beneficia a unhas comunidades e prexudica a outras".
Tamén é un elemento positivo para González a concreción na computación do gasto: "hai que saber canto custa prestar o servizo, fin para o que se introducen novos métodos que se adecúan máis ás necesidades de gasto real". Non obstante, tamén hai elementos negativos nesta proposta de financiamento: a creación dun terceiro fondo que para Manuel González non é máis que "un caixón de sastre". "Parece máis que nada un fondo destinado a contentar a todo o mundo, que contempla elementos como o custe de ter dúas linguas, ser menos desenvolvido que a media...". A alternativa para este economista é crear un fondo "moi potente" destinado aos investimentos territorializados, que se reparta atendendo a criterios estábeis, é dicir, a aquelas autonomías que teñan un menor nivel de desenvolvemento corresponderalles un fondo maior; e a aquelas que teñan un maior nivel de desenvolvemento, un fondo relativamente menor. Con este modelo superaríase o anterior Fondo de Compensación Territorial, que tiña escaso volume, e conseguiríase deseñar un marco máis estábel de reparto.
Pola súa parte, Xabier Vence opina que a clave está en que "Galiza teña unha participación o máis alta posíbel na recadación dos impostos e que poida cubrir as necesidades de financiamento realmente existentes para cubrir os servizos que presta". Así, considera que o actual modelo, no que se parte da base dunha cesión unicamente do 50% (do IRPF, do IVE, ou dos Impostos Especiais) non cobre nin de lonxe as necesidades de financiamento galegas. Como alternativa, propón un modelo no que Galiza conte cun 80 ou 85% da recadación deses impostos.