Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUDIENCIAS

A Galega racha marcas

A canle pública converteuse na televisión autonómica de máis audiencia do Estado e estreou o seu segundo programa. G2.

M. del Río - 14:17 03/02/2009

A Televisión de Galicia continúa coa súa transformación. A inexorábel chegada do apagamento analóxico serviu para que a televisión pública comezase a potenciar o novo sistema televisivo co lanzamento de G2, a súa segunda canle. Ademais, por primeira vez na historia, a TVG converteuse na canle autonómica máis vista do Estado Español. No mes de xaneiro acadou unha cota de pantalla media do 16,1%, co que se sitúa só por detrás da 1 de TVE.

Nun contexto en que a meirande parte das canles de televisión perden audiencia, debido á fragmentación do mercado e a suba constante das emisoras temáticas, que están incluídas na oferta da TDT, a Galega conseguiu subir unha décima, co que supera as televisións privadas españolas Telecinco (15,9%) e Antena 3 (15,1%).

Segunda canle
Ademais, este luns comezou a emitir oficialmente, despois de múltiples atrasos, a segunda canle da Galega, G2, que emite exclusivamente pola TDT. A súa programación segue sen estar completa e depende na meirande parte dos horarios das emisións de Galicia TV América. A inauguración produciuse, casualmente ou non, a un mes das eleccións e ofrece dúas faixas de emisión infantil de luns a venres, que se suman á oferta de deportes 24 horas da fin de semana que xa se viña ofertando.

A inauguración de G2 viu acompañada, ademais, da estrea da súa identidade gráfica e do anuncio de que irá incorporando novos contidos na primavera, como documentais, series ou cinema. Tamén resulta novidosa a súa vocación interactiva, con promocións en que se anima a audiencia a enviar achegas e peticións por correo electrónico, como vídeos musicais ou os mellores momentos do Xabarín Club.

G2 nace cunha audiencia minoritaria e unha programación complementaria á da TVG. En calquera caso, a TDT acadou en Galiza o 19,6% da cota de pantalla, que irá aumentando progresivamente até o apagamento analóxico de abril de 2010. A primeira proba será a finais de xuño, nas demarcacións de Santiago de Compostela e Ourense Leste.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: