A nova programación da televisión do país emitirá exclusivamente por tecnoloxía dixital terrestre.
A segunda canle da Televisión de Galicia, tantas veces anunciada, xa ten data de inauguración. Será o Día da Patria deste mesmo ano, coincidindo co 23 aniversario da emisora pública. G2, que así se chamará, emitirá exclusivamente por TDT.
Deste xeito, a Galega deixará de ser a única televisión autonómica histórica que contaba cunha única programación, ademais das emisións vía satélite. Case todas as demais televisións integradas na Forta xa contaban con, polo menos, dúas canles: ETB2 (1986), 33 (1988), Punt 2 (1997), Canal 2 Andalucía (1998), La Otra (2000), e xa emiten en probas a TPA-2 e a canaria ¡2! por TDT.
Segundo explicou o director da Televisión de Galicia, Suso Iglesias, a programación de G2 estará centrada na programación infantil, xuvenil e cultural, ademais de deportes na fin de semana. De feito, xa agora se están a emitir estes contidos deportivos diferenciados exclusivamente pola TDT, aínda que baixo a marca de Galicia TV América.
En principio, G2 contará cun presuposto baixo, polo que contará con moitas redifusións. A segunda canle será o primeiro paso da Galega para impulsar a Televisión Dixital Terrestre, que, segundo a lexislación, será o único xeito de ver televisión en abril de 2010. Para daquela, a CRTVG prevé poñer en marcha outras dúas canles: unha de novas as 24 horas e outra de contidos "multiculturais".
Ademais, o Goberno xa solicitou un segundo múltiplex dixital, co que a televisión autonómica podería contar con até seis programas, aínda que o máis probábel é que haxa menos cantidade e máis calidade de imaxe, como unha programación en alta definición.