Xusto Beramendi e Xosé Luís Barreiro Rivas achegan cadansúa reflexión para convidar os internautas ao debate.
"É unha palabra moi pouco precisa", apunta ao respecto do desafío desa cuestión (Cara a onde vai o galeguismo no século XXI?). O profesor Beramendi repara en "dous tipos de galeguismo". Apunta por un lado o que define como "galeguismo basal", referíndose ao que lle atribúe á maior parte das forzas políticas do país "incluída parte da dereita", un tipo de galeguismo ao que lle prognostica "bo futuro" e que define como baseado en asumir que "Galiza ten unha lingua e cultura propia e certos dereitos ao autogoberno".
Doutra banda fala Beramendi do "galeguismo nacionalista, ou sen máis: nacionalismo", do que salienta o traballo para chegar a abrollar unha forza política "importante en Galiza" e ve "problemático pero non imposíbel" que o nacionalismo poida chegar a ser unha opción maioritaria. Sobre este aspecto, complementa o profesor Xosé Luís Barreiro Rivas a súa convicción do momento de "contradición" do nacionalismo, que ve evolucionando máis aló dos seus obxectivos orixinais, e prognostica un cambio de perspectivas que mesmo incluiría o propio abandono da palabra "nacionalismo" en beneficio de expresións como "autogoberno" e "mantemento da identidade".
No especial Un País Normal achegámoslles os vídeos coas intervencións de Beramendi e Barreiro. Do mesmo xeito, os lectores poden deixar aló as súas reflexións.