Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XESTIÓN DE RESIDUOS

Os outros vertidos ao río Lengüelle que quedaron impunes

Oito cargos de Sogama e Danigal están imputados pola suposta emisión de líquidos tóxicos. Entre 2001 e 2004 houbo, cando menos, tres sucesos da mesma gravidade que nunca chegaron aos tribunais.

R.V - 14:10 02/02/2009

O pasado 20 de outubro o río Lengüelle, ao seu paso por Cerceda, aparecía inzado de troitas mortas. Ao momento as sospeitas dirixíronse cara o macrovertedoiro que Sogama ten no lugar da Areosa e onde se depositan cada ano centos de milleiros de toneladas de lixo que a sociedade non é quen de tratar.

Aquel vertido foi o detonante dunha polémica arredor de Sogama que monopoliza boa parte do debate político dende aquela. A xustiza non tardou en reaccionar. Ás poucas semanas, un xulgado coruñés imputaba por un presunto delito ambiental a sete dirixentes de Danigal (empresa privada que xestiona grazas a unha concesión o vertedoiro) e ao máximo responsábel técnico de Sogama, Ramón Pérez Mariño. Precisamente, este mesmo mes, o presidente e o conselleiro delegado da sociedade pública despedían a este exeñeiro xefe (canda un seu suboordinardo) acusándoos de ter manipulado analíticas de vertidos dende o ano 2003.

Pero o vertido do pasado outono non é nin moito menos un caso aillado. Todo o contrario. Dende que se puxera en marcha o vertedoiro da Areosa os problemas repetíronse con maior ou menor intensidade. Alberte Sánchez Regueiro, vocal nacional de Adega e veciño de Cerceda, coñece á perfección a historia de vertidos ao río Lengüelle. Asegura que os primeiros que conlevaron mortandade de troitas remóntanse a 1998. Daquela, especialmente en días de moita choiva, o vertedoiro desbordaba lixiviados fincas abaixo até chegar ao río.

Cando San Caetano falaba de “mans negras”
A asociación ecoloxista denunciou en numerosas ocasións a aparición de peixes mortos. En maio de 2001 varios centos de troitas aboiaban ao longo dun tramo de tres quilómetros. En xullo do mesmo ano volvía  producirse un gravísimo vertido que afectou catro quilómetros de cauce fluvial e causou unha gran mortandade de troitas.

Aínda que aqueles dúas emisións foron os máis aparatosas, os ecoloxistas denunciaban a existencia de moitos outros menos perceptíbeis. A pesar da situación, aquelas infraccións nunca foron investigadas con seriedade nin acabaron os tribunais, como sucedeu nesta última ocasión.

O daquela conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo (PPdeG), chegou a negar calquera relación do macrovertedoiro coa contaminación fluvial. Nunha carta dirixida a Adega, del Álamo falaba sen pudor da posíbel existencia dunha man negra: “Existe certa intencionalidade na realización de vertidos tóxicos no entorno do Complexo de Sogama”. O goberno Fraga pechaba filas ferreamente unha vez máis para deslexitimar a calquera que ousase criticar o funcionamento da sociedade pública que crearan en sociedade con Unión Fenosa nove anos antes.

En xuño de 2004 o Seprona volvía investigar a aparición de centos de peixes sen vida. O informe dos axentes da Garda Civil foi parar novamente aos caixóns da Consellaría de Medio Ambiente, que daquela xa dirixía o “popular” Xosé Manuel Barreiro. A pesar de que case ninguén na comarca dubidaba á hora de relacionar os vertidos coa actividade de Sogama, houbo quen non tivo reparo ningún en botarlle as culpas ao xurro dos gandeiros da zona.

Necesidade de máis controis
O Plan de Xestión de Residuos que prepara a Xunta contempla a creación de novas plantas de tratamento que alivien a planta de Sogama e que poida servir para que poida clausurarse o macrovertedoiro da Areosa. Mais mentres, a posibilidade de máis vertidos como os que se padecen dende hai máis dunha década continúa.

Alberte Sánchez subliña que mentres que non hai unha decisión definitiva Sogama ten que velar para mellorar a clasificación dos residuos que entran no vertedoiro: “Non se pode tirar todo alí sen compactar nin separar”. Ademais cre indispensábel a posta en marcha de novas balsas de decantación e un control analítico máis rigoroso. Dende Adega censuran o papel de Augas de Galicia por non ter contrastado durante todos estes anos se había falsificación nas analíticas que remitía Sogama.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: