Veu por Galiza, onde naceu, para presentar a súa obra, na que demostra que a calidade de vida pode acadarse a través do consumo consciente.
Toni Lodeiro estivo en Galiza presentando o seu libro Consumir menos, vivir mellor. Ideas prácticas para un consumo máis consciente, un volume de case 500 páxinas que recolle centos de alternativas para facer unha vida máis saudábel, respectuosa co medio e práctica, ligada a un consumo responsábel.
Aínda que podería empregarse como un manual de consulta onde resolver dúbidas, tirar exemplos ou ideas para facer unha vida máis satisfactoria e sinxela, hai quen o ten como libro de cabeceira e leuno enteiriño, recollendo os consellos máis pequenos e os meirandes.
O libro vai pola segunda edición (mércase en librarías e na web da Editorial Txalaparta, e, ademais, pode descargarse de balde e en .pdf aquí) e quere, segundo Lodeiro, facer saber que é ben doado vivir mellor. Pero sempre que se desexe, que se poñan en práctica, con ganas, unha serie de consellos que nos permitan vivir sen depender en exceso duns recursos xa sobreexplotados. A idea é non converterse en salvadores de ninguén, non xulgar, senón traballar por unha vida mellor, dende o pracer, pensando que ninguén vai mudar as cousas por nós, e pensar que "o que é bo para min, e bo para todo o mundo".
Vieiros: Un libro tan extenso (son case 500 páxinas) pode empregarse como manual de consulta para tirar del ideas concretas, ou pode lerse enteiro...
Toni Lodeiro: Pode, porque é moi fácil de ler, pola linguaxe sinxela que emprega. Non só pode ser tomado coma un libro de consulta, aínda que tamén, porque se poden consultar, puntualmente, ideas sobre hixiene, aforro de enerxía, viaxes... Calquera páxina do libro pode lerse mesmo no retrete, aos poucos, sen necesidade de lelo enteiro.
En que se baseou para escribilo? Nas súas experiencias?
Si, máis ben nas miñas vivencias. Hai bastantes anos cheguei á conclusión de que se podía vivir con menos e mellor. Había, e aínda hai, centos, por non dicir miles, de ideas prácticas, empresas, asociacións, iniciativas interesantes, propostas... xente facendo cousas con optimismo, de xeito positivo e acorde cos seus valores. Só precisamos unha pequena idea, un exemplo, dar unha ferramenta e achegar información de xeito positivo.
Cando vostede marchou de Galiza, non existían este tipo de alternativas no país?
Agora é cando están xurdindo. Cando eu marchei tiña 25 anos, e fixen o que se pode chamar unha migración cultural, porque en Galiza, naquela altura -hai cinco anos- era complicado atopar iniciativas deste tipo ou xente que partillase estas inquedanzas. De feito, creo lembrar que só había dúas cooperativas de consumo responsábel, Árbore en Vigo, e O Bandullo Ecolóxico en Lugo, e agora xa hai unha en cada cidade. Sinto que en Galiza chegamos un bocado tarde a nivel de conciencia, tivemos un menor poder para xerar alternativas ao consumismo no momento no que en outros lugares estaban nacendo moitas alternativas.
Vostede coñece os movementos de Euskadi e Cataluña, que, se cadra, están mellor vertebrados que o galego. Pensa que, tal vez, o minifundismo neste eido -que haxa unha chea de, por exemplo, cooperativas distintas, asociacións, organizacións- teña empequenecido as alternativas á sociedade de consumo no noso país?
Non creo que se trate diso. Non é cuestión de medrar, senón que é bo crear unha cooperativa, por exemplo, en cada vila, en cada cidade ou en cada barrio. De feito, sei que aquí se está a crear unha coordinadora para todas as cooperativas, unha iniciativa que xa funciona en Cataluña, por exemplo, e que ten moitas vantaxes a nivel práctico -facer pedimentos comúns, traballar xuntas, etc-, máis que a nivel de conexións locais. Non é cuestión de crear grandes estruturas, porque o pequeno tamén é fermoso e chegan a facerse contactos máis humanos, hai unha comunicación e unha interacción diferente. De feito, en Cataluña, por exemplo, hai moitas cooperativas que poñen un límite de familias -unidades de convivencia que participan-, por exemplo, unhas 50, 150 ou 200... porque cunha distancia menor entre os integrantes conséguese un maior grao de participación, as persoas coñécense máis e trabállase mellor a nivel de coordinación. O importante é multiplicar as pequenas cooperativas, pero tamén é bo que se coordinen e traballen entre elas, pero sempre sen crear grandes estruturas, que, ao meu ver, non son necesarias.
Cando se fala de consumo responsábel, consciente, adoita verse como un sacrificio, como a necesidade imposta de renunciar a moitas cousas materiais no día a día. Que lle diría á xente que pensa isto?
Eu sempre falo da miña experiencia, e penso que cando algo che gusta de veras, dedicas tempo e diñeiro a desenvolvelo, a facelo, só polo feito de que gozas facéndoo. Calquera escusa é boa cando non hai interese por facer estas cousas, e non estou falando dende un punto de vista moralista. Eu todas as terzas feiras vou facer a compra á cooperativa, vexo xente coñecida, falamos das nosas vidas, imos tomar un viño... algo que non podería atopar no supermercado.
Hoxe en día mudamos de coche cada cinco ou seis anos, mentres pasamos dos alimentos sans, porque son máis caros, e mercamos comida de "todo a cen". Pero hai quen non ten coche, ou sigue mantendo o seu coche vello e come alimentos sans. Hai cousiñas que se poden facer na casa, como por exemplo o xabrón ou o iogur, pero é algo que se fai por afección e desfrutando, porque rouba moitas horas e moito traballo, pero produce satisfacción e crea produtos de máis calidade. Neste sentido, eu diría que o importante é facer todo isto buscando o pracer persoal, estando a gusto.
Isto todo dándolle unha dimensión individual, non colectiva, porque logo de fondo hai unha serie de problemas políticos patentes, como por exemplo e entre outras cousas, as eivas da PAC (Política Agraria Común), que terminan por encarecer os alimentos ecolóxicos e por incentivar as distribucións a gran escala, que acaban sendo máis baratas.
Fálenos un chisco de Consumir menos, vivir mellor
Pois no libro hai distintas partes, unha máis informativa que axuda a entender o por que das cousas -como por exemplo, por que os alimentos ecolóxicos son máis caros; unha parte con ideas prácticas; e unha outra con contactos. Na parte introdutoria fálase da situación actual da nosa sociedade na era da globalización económica, na que se promulgou a fe polo crecemento económico e tecnolóxico, e nela se baseou a idea de progreso. Ao tempo, fóronse apagando outros factores de fondo, como o ecoloxismo social que non pensa no crecemento; e comezaron a desenvolverse conceptos como o desenvolvemento sustentábel ou a reciclaxe, entre outras cousas, que só serviron para maquillar un sistema absurdo e irracional, porque ninguén se dedicou aínda a educar para reciclar na nosa sociedade. Este libro nace da liña crítica contra o capitalismo e a ideoloxía do crecemento, e apunta cara unha economía alternativa na que todo o mundo pode participar, mais fuxindo das campañas que están a desenvolver ultimamente os gobernos -o estatal, os das Comunidades Autónomas e os locais-, no que responsabilizan aos individuos. Quero dicir, cúlpante a ti de deixar prendida unha lámpada, fante responsábel do cambio climático se non reciclas ou se acendes a calefacción todo o día, cando, no fondo, son problemas políticos. Están trasladando a súa responsabilidade ao individuo, facendo unha trampa importante que pretende despolitizar o asunto.
Por outro lado, ademais desta visión global, o libro contén dúbidas, dificultades coas que se pode atopar o lector ou lectora, ideas prácticas e moitos enderezos, emails, teléfonos de contacto de persoas, asociacións, cooperativas, empresas... que están traballando neste eido, e que poden servir de axuda.
No libro fala vostede desa gran trampa, das falsas alternativas que propón o sistema, dende a visión radical que quere impoñer.
Si, introdúcense unha serie de exemplos, coma o coche de baixo consumo e o plan renove, que se vende como unha axuda para os consumidores e tamén para o medio, cando no fondo non supón máis que un enorme gasto enerxético e de recursos, porque custa cartos tirar o coche vello e comercializar a distribuír o novo. Tamén se di que a saída á actual crise pasa por incentivar o consumo, ademais de aumentar o investimento en obras públicas, e ninguén fala doutras alternativas... Ou os lavalouzas, que se venden como aparatos que aforran auga e enerxía, cousa que resulta máis que dubidosa. Fronte a isto, hai outras cousas que se poden facer: fronte ao papel hixiénico reciclado, lavar o cu, que é aínda máis limpo; fronte a mercar un novo coche de baixo consumo, camiñar, e se non se pode, alongar a vida útil do teu coche de sempre ou empregar o transporte público; usar un pano de mesa de tela fronte a un de papel; comer froitas de tempada e do comercio local, no canto de kiwis de Nova Zelandia no verán, que veñen mesmo envasados en plástico, e percorren medio mundo para chegar ao consumidor; mercarlle a un artesán local o que haxa aquí, e mercar, por exemplo, en tendas de comercio xusto cousas que non se cultivan aquí, como o café ou o cacao. É mellor traballar media xornada e poder gozar doutras cousas, que dobrar horas e encadear días de choio; pode ser igual de interesante, se cadra, viaxar ao Courel e descubrir partes do teu país que non coñecías nun mes e medio, por exemplo, que matarte a traballar para aforrar e viaxar ao Brasil unha semana... Se cadra merece a pena mercar produtos ecolóxicos nas cooperativas, coñecendo xente e comendo máis san, máis saboroso e gañando saúde. Nelas podes mercar tamén a carne, que comerás menos veces á semana, ao mellor que a que atopas no súper por menos prezo, pero que é moito máis sa. Pero estes son só algúns exemplos.
Hai moitas alternativas, pero pensando sempre o consumo consciente, xusto, ético, non coma unha carga ou como unha obriga máis, senón como unha liberación persoal.
Reportaxe, sobre o libro de Lodeiro feito por Telebilbao, para o programa Konsumo.net (de 10 min., mais moi ameno, e en castelán)