Uns douscentos galegos perderon un total de 15 millóns de euros que tiñan depositados en contas correntes de entidades como Bankinter ou Santander.
Xabier Atanes, hoxe portavoz da Plataforma de Afectados por Lehman Brothers en Galiza, é un lugués que tiña os seus aforros nunha conta de Bankinter. Un día recibiu unha chamada dun xestor da súa entidade, quen lle ofreceu a posibilidade de buscar unha maior rendibilidade aos seus cartos, "non unha cousa esaxerada", di, "ofrecéronnos un 5%, non era cuestión de enriquecerse, senón de compensar a inflación". A partir dese momento, interesouse por esta oferta, foi ao banco e alí explicáronlle que se trataba dun produto de renda fixa garantida. "Puxemos alí os nosos aforros", explica, "porque me falaron de seguridade en todo momento, dunha inversión con garantías".
Despois chegou a creba de Lehman Brothers, unha cuestión que non preocupou a Atanes, "porque non me sentía vencellado a esta entidade estadounidense". Pasou o tempo, "cousa de tres meses" e recibiu unha chamada do seu banco informándoo de que "perdera todos os cartos porque estaban depositados nunha entidade norteamericana que dera creba". Ante esta situación, Atanes di sentirse enganado, "pero non era que os meus depósitos estaban garantidos? E explícanme que a renda si, pero non o capital".
Nesta mesma situación atópanse unha cifra estimada de douscentos galegos, que viron desaparecer literalmente todos os seus cartos, unha cantidade que no seu conxunto oscila entre os 10 e os 15 millóns de euros. "Somos pequenos aforradores que non sabían o risco que corría o seu diñeiro", asegura, "somos, en definitiva, persoas normais, non grupos de inversores como pode pensar a xente, hai viúvas, xubilados... mesmo algún acaba de perder o seu plan de pensións". Con todo, non piden ao banco que se responsabilice do peche de Lehman, mais si o acusan da forma de comercializar os seus produtos, sen advertir das súas verdadeiras condicións.
Xustiza lenta e cara
A rede foi a vía de coordinación do total de 10 mil afectados que se estima que hai no Estado Español. Dende un primeiro momento organizáronse a través de diferentes webs e blogs e están a consensuar as diferentes medidas a tomar. Unha delas foi unha concentración dunha vintena de afectados galegos este venres en Santiago de Compostela (imaxes ás que corresponde o vídeo), coa que quixeron chamar a atención dos viandantes explicándolles que eles tamén se poderían ver prexudicados por un caso similar. "Hai que explicarlle á xente que a banca española non é transparente", di Atanes, "que tamén ten riscos".
As seguintes medidas que tomarán pasan pola vía xudicial: "xa iniciamos os trámites, pero hai que recoñecer a xustiza é lenta e cara". Con todo, non son moi optimistas: "primeiro tes que dispoñer dos cartos que supón pagar a un avogado e despois tes que competir cos mellores gabinetes de letrados que son dos que dispoñen as entidades bancarias como Bankinter. Confiamos en que a xustiza nos poida dar a razón, mais tamén queremos alertar a outros incautos para que estean alerta con operacións coma estas".