A Fundación Galiza Sempre comeza esta quinta feira a súa participación no encontro internacional que se desenvolve até domingo en Belém do Pará na Amazonia.
A Fundación Galiza Sempre vai participar nos debates sobre proxectos de construción da soberanía e sobre o papel das nacións sen estado na articulación dunha orde xurídico-política alternativa á globalización que se están a desenvolver no Foro Social Mundial.
A organización galega promove, en colaboración co Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e as Nacións (CIEMEN) catalán, un espazo no que se abordará, a través de 18 actividades diferenciadas, os dereitos colectivos dos pobos. Neste espazo participarán representantes dos pobos mapuche, guaraní, aimara, quechua, kichwa e maia.
Segundo a propia Fundación, a representación galega en Belém ha ser "a máis nutrida dende 2001", ano no que botou a andar o FSM en Porto Alegre. Entre outros, han intervir como poñentes Xosé Manuel Beiras, presidente da FGS; o ex eurodeputado do BNG e colaborador de Vieiros, Camilo Nogueira; Ana Miranda, vicepresidenta da Alianza Libre Europea; Moncho Boán, sindicalista da CIG; Xosé Ramón Cendán, do Sindicato Labrego Galego (SLG); e Xabier Macías, presidente do Centro Maurits Coppieters (ALE-EFA). O debate comezou a quinta feira, e seguirá a desenvolverse deica domingo na capital do Amazonas.