Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Coa presenza de tres presidentes latinoamericanos

Desde a capital da Amazonia, a opción do Foro Social Mundial

Galiza tamén terá representación na cita que bota a andar en Belém, con tres organizacións pertencentes ao Foro Social Galego. Este ano clamarase contra a guerra e por outro modelo de globalización.

A. Rodríguez - 13:45 27/01/2009

Unha mobilización, a pé polas rúas de Belém do Pará, a capital da Amazonia, vai abrir esta terza feira o Foro Social Mundial (FSM), que terminará o vindeiro domingo. Na apertura de cerimonia, cantos africanos e indíxenas simbolizarán o paso a esta nova edición amazónica dende a anterior, a desenvolvida en 2007 en Nairobi (Quenia).

De feito, os problemas de inxustiza social que afectan os indíxenas brasileiros serán un dos focos de debate nesta edición, na que participarán organizacións destacadas na defensa deste colectivo, como o Movimento dos Sem Terra (MST) ou A Vía Campesiña

Voces unidas contra a guerra e a globalización
Durante a marcha, unhas 100 mil persoas pertencentes a movementos sociais e organizacións da sociedade civil protestarán contra a guerra e a globalización, e portando unha bandeira palestina de máis de tres metros de lonxitude, amosarán a súa solidariedade cos civís que están a sufrir os ataques de Israel na Faixa de Gaza. Mais tamén haberá bandeiras representativas de milleiros de movementos políticos, sociais, sindicatos, organizacións estudantís e ecoloxistas que participan no encontro internacional. Entre eles, a representación galega, encabezada por tres entidades que fan parte do Foro Social Galego (FSGal) -o Sindicato Labrego Galego, a Fundación Galiza Sempre e Altermundo-; e polos políticos Ana Miranda -vicepresidenta da Alianza Libre Europea (ALE) e membro do Consello Nacional do BNG-, e Camilo Nogueira -colaborador de Vieiros, e eurodeputado do BNG entre 1999 e 2004.

Até domingo, a organización do FSM agarda xuntar até 120 mil persoas de 150 países distintos, entre eles os mandatarios de cinco estados latinoamericanos: Brasil, Venezuela, Bolivia, Paraguai e Ecuador. Nos días que dure o encontro, están prevista a realización de máis de 2.400 actividades na Universidades Federal do Pará (UFPA) e na Universidade Federal Rural da Amazônia (Ufra), sede do Foro de 2009.

O que cambiou o mundo
O FSNM naceu en 2001 en Porto Alegre para opoñerse ás ideas liberais do Foro Económico Mundial de Davos, o denominado foro dos banqueiros. Agora, oito anos despois, volve ao Brasil - xa estivo en 2002, 2003 e 2005-, nun momento no que o criticado capitalismo está en interdito, após ser golpeado repetidas veces nos seus alicerces polos refachos da crise financeira mundial.

De feito, o propio presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, decidiu este ano acudir a Belem, no canto de ir da Davos como noutras ocasións, volvendo ao FSM que el mesmo inaugurou en 2001, cando aínda non era presidente, amosando así o seu descontento coas fracasadas ideas proclamadas durante anos na cidade suíza.

Para ver o que mudou o mundo nestes anos, e o que aínda pode mudar -estarán moi presentes as proclamas electorais de Barack Obama-, haberá que escoitar o que centos de activistas teñen que contar até o primeiro de febreiro, baixo o lema de sempre, un outro mundo é posíbel.


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: