Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza2009

A crise económica segue a protagonizar o discurso político na precampaña

Touriño, que presentou programa, pide "unidade". Feijoo aposta pola 'Consellaría do Mar'. Quintana propón un "complemento autonómico" ao paro.

Europa Press - 19:00 24/01/2009

O candidato do PSdeG a presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, pediu "unidade" ante a situación económica para "saír xuntos da crise", e propuxo medidas económicas e sociais de cara ás eleccións, durante a presentación do programa de goberno dos socialistas este sábado.

Touriño, que fixo numerosas referencias á situación económica, asegurou que "Galiza só volverá crecer con intensidade cando o consiga España". "Os traballadores só poden recuperar os seus traballos se as empresas recuperan os seus beneficios e as empresas só recuperarán os seus beneficios co esforzo dos traballadores", exemplificou.

Nas áreas da sanidade e da educación, Touriño comprometeuse a ampliar até os 18 anos a gratuidade dos empastes e endodoncias, e anunciou a creación de 10 mil prazas de educación infantil para "superar amplamente a recomendación da Unión Europea".

No relativo ás telecomunicacións, Touriño insistiu na necesidade de que os galegos "vivan onde vivan estean ben comunicados, por terra, mar e aire, e na rede". Neste senso, comprometeuse a universalizar o servizo de TDT e o acceso á internet por banda larga para todo o territorio.

"Quero unha Galiza aberta, orgullosa da súa identidade", asegurou Touriño, que considerou que "a nosa identidade e a nosa lingua dános forza", polo que avogou por "coidar a cultura". Ademais, anunciou que, de revalidar o seu mandato, o PSdeG ampliará "nun 75%" a actual Rede Natura para "deixar ás xeracións futuras" unha Galiza "polo menos tan bonita como a que recibimos nós".

Sobre a reforma do Estatuto, Touriño asegurou que o galego "é un pobo sensato e solidario" que "non quere exclusións nin illamentos", mais que "defende con toda intensidade o seu autogoberno". Así, prometeu "traballar intensamente" na próxima lexislatura pola reforma do Estatuto.

Feijoo: "Consellaría do Mar"

O candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, anunciou este sábado que se gaña as eleccións creará unha Consellería do Mar que agrupe todos os temas relacionados co sector pesqueiro.

Nun acto en Compostela ante máis de 600 traballadores do sector, o líder popular afirmou que "o mar é moito máis que paisaxe" e, polo tanto, necesita dunha "responsabilidade e un empeño", ausentes, ao seu ver, na actual Consellaría de Pesca, dirixida por Carme Gallego.

Feijoo apostou pola Consellería do Mar porque suporá unha "renovación na maquinaria e na tripulación" e deixar atrás o "espectáculo" do que acusa a actual área de Pesca. Ademais, amosouse convencido de que despois das eleccións os populares chegarán á Presidencia da Xunta e recuperarán o "consenso" e a "seriedade" coa que, considera, contaba Galiza antes da chegada do bipartito.

Quintana: "Complemento autonómico ao paro"
Tamén este sábado, nun acto na localidade de Ames (Santiago), o candidato do BNG, Anxo Quintana, comprometeuse a pór en marcha novas medidas contra a crise na próxima lexislatura entre as que destacou a creación dun complemento autonómico ao paro para apoiar "as 3.500 familias galegas que non reciben ningún tipo de prestación social".

Para alcanzar este obxectivo, Anxo Quintana apostou pola necesidade de aprobar "un novo Estatuto de Nación, unha carta de dereitos e deberes no que tamén se recollerá este complemento autonómico do paro" que "permita pasar o mellor posible esta situación de crise ás persoas desempregadas".

Respecto dos comicios do 1 de marzo, Quintana sinalou que "a única incógnita por desvelar a estas alturas" é "canto vai subir o BNG nestas eleccións" porque "todo o mundo sabe que non vai gobernar o PP".


Ligazóns

4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: