O presidente de EUA asina o decreto que lle pon fin ao centro de detención, e outro que prohibe os malos tratos nos interrogatorios.
Obama asina o decreto
O novo presidente de EUA, Barack Obama, asinou esta quinta feira, no seu segundo día de goberno, un decreto que ordena o peche do centro de detención de Guantánamo no prazo dun ano e outro que prohibe os malos tratos nos interrogatorios a detidos.
Obama ratificou o documento rodeado por militares e membros do seu Executivo no Despacho Oval da Casa Branca, logo dunha reunión para discutir sobre a política de detención dos sospeitosos de terrorismo.
Neste senso, o mandatario estadounidense rubricou un decreto que prohibe os abusos durante os interrogatorios e que exixe que os investigadores respecten as Convencións de Xenebra.
"A mensaxe que enviamos ao mundo é que EUA ten a intención de continuar o combate estabelecido contra a violencia e o terrorismo, que o faremos con vixilancia, que o faremos con eficiencia e que o faremos respectando os nosos valores e os nosos ideais", afirmou.
"Como dixen na miña investidura, non perpetuaremos o falso dilema entre a nosa seguridade e os nosos ideais", engadiu Obama.