Sami Al Haj, cámara da canle de televisión arabófona, pasou seis anos retido no cárcere que EUA ten na illa de Cuba.
A canle de televisión Al Jazeera anunciou esta quinta feira o lanzamento do seu propio observatorio de dereitos humanos. Á fronte estará o seu cámara Sami Al Haj, que pasou seis anos retido no cárcere estadounidense de Guantánamo.
A Sección de Liberdades Civís e Dereitos Humanos, que se estreará este sábado coincidindo co 12º aniversario da cadea, "analizará, documentará, emitirá e alertará destes temas clave", sinalaron dende a compañía. Para este obxectivo, a nova división traballará estreitamente coa redacción.
O proxecto "vai na liña da tradición de Al Jazeera, de informar sobre eventos e historias que case nunca se contan", comentou Wadah Khanfar, director xeral da cadea. "Estamos moi satisfeitos con que Sami Al Haj lidere esta iniciativa", engadiu.
O Exército de Paquistán arrestou a Haj na fronteira con Afganistán en decembro de 2001. Dende xuño de 2002 deica maio de 2008, permaneceu retido sen cargos na base naval que EUA ten na baía de Guantánamo, na illa de Cuba.
"Os meus anos en Guantánamo fixéronme apreciar de xeito moi fondo como o dereitos humanos básicos poden ser violados e a importancia fundamental que teñen as liberdades civís. Estas experiencias ficaron gravadas profundamente na miña alma", confesou Haj.