Aínda chamando a "non poñer o carro diante dos bois", asegurou que hai bases para "un salto cualitativo" no sector durante os próximos anos.
O "resultado moi positivo" obtido por cooperativas do sector "con ampla representación no ámbito de produción leiteira" no concurso eólico da Xunta, na medida en que permitirá unha "capitalización moi importante" para as empresas, foi un dos argumentos destacados este mércores polo conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, para subliñar a súa convicción da inminente creación do grupo leiteiro galego durante moitos anos cobizado.
Suárez Canal referiuse tamén á "normalización na relación entre produtores e industrias" en Galiza2009 e falou, ao respecto da conformación dun grupo leiteiro de capital autóctono, dun "salto cualitativo importante na capacidade de intervención dende o ámbito público e as políticas financeiras que precisa calquera iniciativa empresarial desta envergadura".
Doutra banda, e preguntado sobre a posibilidade de que Leite Río lidere a iniciativa, Suárez Canal sinalou a necesidade de "deixar que o sector evolucione coa súa propia dinámica e non poñer o carro diante dos bois á hora de articular unha solución estrutural para o sector". A este respecto engadiu que se trata dunha cuestión que "leva tempo". Por outro lado, salientou os contratos homologados para a compravenda de leite, estimando que xa se subscribiron uns 500 en toda Galiza, número que cualificou de "significativo". Ao seu xuízo, este instrumento permitiu que o prezo da materia prima teña "estabilidade" até febreiro, dado que os documentos abranguen dende o pasado outubro até ese mes.