Estenderá ao total do cadro de traballadores, máis de 52 mil, case 5 mil en Galiza, a posibilidade de seren cooperativistas, reconvertendo as actuais sociedades anónimas do grupo.
Agustín Markaide, director xeral de Eroski e membro da comisión permanente da Corporación Mondragón / Imaxe: revista Kooperatiba
"Construír cooperativas é profundamente transformador porque supón riparlle o traballo ao capital para poñelo nas mans do traballador". Así o expresaba hai tempo en conversa con Vieiros quen fora o primeiro presidente de Eroski, Antonio Cancelo Alonso.
A asemblea xeral da cooperativa aprobou este luns o proxecto co que estenderá ao total do seu cadro de traballadores a participación na propiedade, resultados e na propia xestión da empresa. Na práctica, isto implica que se lle ofrece aos traballadores por conta allea a promoción ao estatus de cooperativistas propietarios e se estende ao conxunto do que até o de agora eran sociedades anónimas vencelladas ao grupo a condición sociolaboral popia dos traballadores da cooperativa. Un proceso que consolidará o lugar da Corporación Mondragón como primeiro grupo cooperativo no mundo.
Traballadores "propietarios"
"Tomamos esta decisión logo dun longo e proveitoso proceso de dous anos de debate e construción do proxecto entre todos os socios", explicou o director xeral de Eroski, Agustín Markaide, indicando que a decisión levará agora varios anos na execución práctica e abrirá unha nova etapa con novos azos para o proxecto empresarial derivados "da forza que achega que todas as persoas que traballamos aquí sexamos os propietarios das tendas". "Preservará e fortalecerá o noso singular modelo de xestión", subliña Markaide.
Eroski emprega en Galiza máis de 4.500 traballadores, cunha taxa de emprego indefinido de máis do 80%. Operando a través da distribuidora Vegalsa-Eroski, obtivo no exercicio de 2007 uns beneficios de 18 millóns de euros, cun incremento do 20% respecto ao ano anterior. As vendas medraron ese ano un 11%, superando os 700 millóns de euros. Desde a empresa defenden ademais a aposta polo fornecemento de produtos do contorno local, un abastecemento que no caso de Galiza implica, segundo aseguran, un 30% das compras en produtos galegos no exercicio 2007.