Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza2009

A alcaldesa de Sober e o ex presidente de Caixa Ourense, cartel do PP en Lugo e Ourense

Na Coruña, o mellor colocado é Carlos Negreira, actual presidente provincial do partido.

Redacción - 09:00 16/01/2009

O PP lugués, feble nas últimas citas coas urnas, acode á cita do vindeiro 1 de marzo cun cartel inédito protagonizado pola alcaldesa de Sober, Raquel Arias, valor crecente dentro do partido. Arias suma á súa experiencia como rexedora a entrada no Congreso en Madrid e agora estrearía escano no Parlamento. Á beira dela outros nomes previsíbeis na lista luguesa serían o da concelleira chantadina Susana López Abella, con amplo protagonismo no equipo próximo a Feijoo durante esta última lexislatura, e os deputados Xaime Castiñeira, Xosé Manuel Balseiro ou Agustín Baamonde.

Máis se resiste o traslado ao público das listas do PP en Ourense, onde a dirección do partido negocia equilibrios co feudo baltarista até o último momento. En días pasados transcendera a posibilidade de que fose o médico Rosendo Fernández, na actualidade un dos cinco vicesecretarios do PPdeG, quen asumise o protagonismo. Con todo, finalmente a sorpresa saltou no nome de Luís Carrera Pásaro, quen encabezaría o cartel á fronte dunhas listas onde son seguros o fillo do presidente provincial, Xosé Manuel Baltar, e o tamén deputado na actualidade Antonio Rodríguez Miranda.

Con 59 anos, Carrera, aínda que nado no concello lugués de Castro de Rei, acumula longa traxectoria por terras ourensás. É licenciado en Políticas e Económicas e foi director adxunto de Caixanova desde finais do 2000, após a fusión das caixas do sur. Anteriormente fora xustamente o presidente de Caixa Ourense.

Porén, non está confirmada a continuidade de Miguel Santalices e Roberto Castro, e dáse por feito de que un deles quedaría fóra polo compromiso de renovación de cando menos a metade dos postos. A aparición en escena nas listas rivais do actual conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e por parte do BNG do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, podería deixar en mellor lugar a Castro á hora da planificación estratéxica da campaña do PP ourensán.


3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: