O ex director xeral de Relacións Institucionais, con protagonismo crecente no equipo próximo a Feijoo, dará o salto ao Parlamento.
O PPdeG confirmou que Pedro Puy Fraga formará parte da lista do partido pola provincia da Coruña en posto de saída. Os populares contan nesta circunscrición na actualidade con 11 deputados. Puy Fraga xa lle enviou un escrito á presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, onde expón a súa renuncia ao cargo no Consello de Contas, onde estaba desde xullo de 2007, posición á que fora proposto polo PP.
Ampla experiencia na administración
Licenciado e doutor en Dereito e profesor titular de Economía aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Puy Fraga optará por primeira vez a unha acta de deputado, aínda que ocupou diversos postos na anterior Xunta gobernada por Manuel Fraga. Entre outros, foi xefe de gabinete do ex conselleiro de Política Territorial Xosé Cuiña, director xeral de Relacións Institucionais, de Administracións Públicas ou membro do Consello de Administración da Compañía da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).
Colaborador habitual do actual líder da oposición, nesta lexislatura participou de forma activa nas negociacións da fracasada reforma do Estatuto, e está chamado a ter de novo protagonismo nese proceso se, como está previsto, o diálogo ao respecto é retomado á volta das eleccións do 1 de marzo.
Foi profesor de Economía Política e Facenda Pública das facultades de Dereito e Ciencias Políticas da Universidade de Santiago (USC) e o 30 de xullo de 2007 tomou posesión como membro do Consello de Contas. A praza que deixa vacante Pedro Puy no Consello de Contas deberá ser renovada por proposta do PP. Ademais, outros dous membros do órgano fiscalizador conclúen o seu mandato de seis anos nos próximos meses: Xaquín Álvarez Corbacho e Francisco Constenla, designados por PSdeG e BNG, respectivamente.