Admitiu a trámite unha denuncia de Comisións Obreiras de Ferrolterra contra o método que o hipermercado ferrolán usou para despedir e sancionar varios empregados.
A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) abriu un procedemento de sanción contra Alcampo a raíz dunha denuncia da unión de Ferrolterra de Comisións Obreiras. Segundo o sindicato, a empresa colocou cámaras de vixilancia para espiar os traballadores, o que lle podería supoñer unha multa de 60 mil euros.
A resolución da AEPD, notificada este mes a Comisións Obreiras e datada o 17 de decembro, ve un posíbel incumprimento do artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999 nos apartados 1, 2 e 3. A denuncia do sindicato afirma que a dirección do hipermercado ferrolán instalou cámaras de vixilancia “sen informar os traballadores nin os seus representantes legais”.
Despois, en febreiro de 2008, Alcampo usou o contido das fitas, nas que “se recoñecía facilmente os traballadores” para despedir un empregado e sancionar outros 11 con suspensión de emprego e soldo por faltas “moi graves”. CCOO puxo estes feitos en coñecemento da Axencia de Protección de Datos e denunciou a empresa perante o Xulgado do Social de Ferrol. Como resultado, reducíronselles as sancións aos traballadores.
Alcampo admitira ter colocado, polo menos, tres cámaras en espazos moi específicos e reservados para os traballadores, para espiar as súas actividades. Os traballadores foran sancionados por fumar e comer en horario laboral, unhas prácticas que até entón estiveran permitidas.
A Unión Comarcal de CCOO alerta de que ten coñecemento doutras empresas da zona que poden estar a empregar métodos de vixilancia semellantes aos postos en marcha por Alcampo. Anunciou que o seu gabinete xurídico non vai dubidar en denunciar as que vulneren os dereitos do traballador e da persoa.