Conseguiron o apoio do presidente da entidade, Antonio Vega, mais aínda non o da Xunta.
O Comité de Empresa da antiga Valeo, que pechou as súas portas, tras saír de Galiza, o pasado 31 de decembro, suspenderon ás 23:00 horas da noite desta cuarta feira o seu peche que mantiñan dende a terza nas oficinas do Clúster da Automoción (Ceaga), no polígono industrial de Balaídos, tras conseguir unha xuntanza co presidente desta entidade, Antonio Vega.
Segundo explicou a presidente do Comité, Amelia Vila, o peche terminou cando Vega accedeu a recibir aos traballadores e traballadoras, que lle reclamaron a súa intervención para recolocar a 92 operarios que han quedar sen emprego cando peche a nave que Valeo tiña no Porriño, xa que a compañía que presiden Vega, o Grupo Viza, foi un dos beneficiados da venda dos activos desta multinacional.
Ao parecer, o presinte do Ceaga explicoulles que a "situación é difícil" na industria da automoción, mais animounos a entregar os seus currículos ás empresas que traballan neste sector na Comarca de Vigo. Alén disto, Antonio Vega comprometeuse a interceder para que o resultado da venda da nave que Valeo ten no Porriño -da que á súa empresa lle corresponde o 50%, e o outro 50% a Cableados Auto-, sufrague as indemnizacións dos operarios, e que o proceso se faga nunhas condicións xustas.
A situación das traballadoras e traballadores da antiga Valeo
Cando a multinacional Valeo saíu de Galiza, a súa planta foi vendida, por un lado ao Grupo Viza, que recolocou a 58 traballadores; mentres que o resto, 92, deberían recolocarse na empresa Cableados Auto, na que participa -nun 10%- a Xunta. Porén, estes case cen traballadores permanecen aínda sen traballo, á espera dese plan de reindustrialización que aínda non chegou. Segundo declarou Amelia Vila, "aos traballadores só nos queda ir agonizando aos poucos", ao tempo que anunciaba que van seguir coas mobilizacións, mentres que non haxa noticias dende o Goberno ou dende Cableados sobre o seu futuro.
Esta parte do persoal da antiga Valeo que aínda non foi recolocado desde que pechou a multinacional de cableado para automóbiles, vai cada día a traballar ao seu posto, nas quendas que lle corresponde, dende o pasado 2 de xaneiro, mais sen ter ningunha actividade que facer.