O IPC aumentou un 1,2% no conxunto de 2008, un incremento que se debe fundamentalmente ao sector da vivenda, a restauración e o ensino.
Decembro deixounos unha nova baixada dos prezos, neste caso nunha porcentaxe que chega até o 0,7%, segundo os datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Esta baixada é superior á rexistrada no Estado Español, onde o IPC do último mes do ano caeu cinco décimas.
Se viramos a vista cara ás cifras anuais, o 2008 deixounos unha suba de prezos do 1,2%, un incremento que tamén foi superior ao do Estado, onde o IPC ascendeu un 1,4%. Ademais, Galiza foi a cuarta comunidade na que menos aumentou a inflación no ano pasado, só por detrás de Castela a Mancha, Castela e León e Murcia.
Sobe a vivenda
O maior aumento de prezos deuse no sector da vivenda, cun incremento do 4,9%. Séguenlle os hoteis, cafés e restaurantes (+4,7%), o ensino (+0,6%) e as bebidas alcohólicas e o tabaco (+3,8%). Asemade, tamén subiron as cotizacións do enxoval (+3,1%), os alimentos e as bebidas non alcohólicas (+2,4%), o vestido e o calzado (+0,6%) e a medicina (+0,1%).
Pola contra, caeu o prezo do transporte un 5,6%, principalmente polo abaratamento do petróleo no último trimestre, o do ocio e a cultura cun 0,4 e o das comunicacións cun 0,3%.