Susana Seivane, a Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo e o grupo de música folk Aira da Pedra reciben este xoves os galardóns.
A Asociación Berciana da Lingua Xarmenta organiza a cuarta edición destes premios, que se entregarán esta quinta feira dia 15 de xaneiro -no Teatro Municipal Bergidum de Ponferrada, ás 20:00 horas-.
Este ano os premios tamén se dividen en dúas modalidades; a primeira, o premio a unha personalidade pola promoción da lingua galega no Bierzo, que se lle concedeu á gaiteira Susana Seivane; e a segunda, o premio a unha institución, que recaeu na Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo e máis na banda de folk Aira da Pedra.
Durante a gala, os seus presentadores, os xornalistas Ricardo López Témez -do Bierzo- e Soledad Figueroa -de Valdeorras, estarán acompañados das actuacións musicais dos premiados, de Anxo Rei e do Mago Richard. Tamén se repartirá, entre o público asistente, o número tres da revista Xarmenta, escrita en galego no Bierzo, que xa fora presentada en decembro de 2008. O ano pasado, na terceira edición destes premios, resultaron galardoados o xornalista e escritor coruñés Manuel Rivas e a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León, no capítulo de institucións.