Xunta, Junta de León e Manuel Rivas reciben en Ponferrada os recoñecementos anuais pola promoción do galego.
A secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López, o consejero de Educación da Junta de Castilla y León, Juan José Mateos, e o escritor Manuel Rivas recibiron este mércores en Ponferrada os premios Xarmenta. O colectivo do mesmo nome quere recoñecer con estes galardóns as figuras administrativas que cada ano se distinguen pola promoción da lingua galega na bisbarra do Bierzo.
Xarmenta recoñeceu nesta edición a ambas as dúas administracións con motivo do acordo subscrito entre Xunta e Junta para que un milleiro de estudantes estude galego en escolas de León e Zamora. Nesta ocasión, xunto coas dúas administracións, recibiu tamén o galardón, entregado no Teatro Bergidum, o escritor galego Manuel Rivas.
A secretaria xeral de Política Lingüística expresou a súa "satisfacción" por un recoñecemento que, na súa opinión, "é, en esencia, un premio aos alumnos, aos profesores e á organización dos propios centros de ensino da bisbarra, que con alento e perseveranza fan posible que siga vivo o galego".
Sen fronteiras administrativas
Así mesmo, Marisol López eloxiou o traballo de entidades como Xarmenta nunha "realidade lingüística que é moito máis frecuente no mundo do que se pensa habitualmente", porque a extensión das linguas "non obedece a fronteiras administrativas", reivindicou.
Na súa intervención, o conselleiro de Educación da Junta destacou que "a lingua une e enriquece, e non hai que buscar diferenzas", cuestión na que coincidiu con outras palabras en galego a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, Marisol López.
Pola súa banda, o escritor Manuel Rivas dixo ter "moita conciencia de ser un símbolo para a promoción do galego". O escritor manifestou o seu "compromiso de ser o portador e mensaxeiro da defensa do galego, como os que defenden a biodiversidade ou a ecoloxía das linguas". Manuel Rivas indicou que "asume a misión" de potenciar a lingua de Rosalía de Castro e Castelao.
Noutras edicións compartiran estes premios Xarmenta o cantautor Amancio Prada, a Real Academia Galega, o actor Luis Tosar e o Consello Comarcal do Bierzo.